Un cervense forxado a lume

Telmo Cao foi incluído nunha guía internacional de artesanía polos seus traballos de forxa
Telmo Cao, en su taller de Sargadelos. MELINA SÁNCHEZ

Telmo Cao, artesán de forxa artística fincado en Sargadelos, foi seleccionado pola Michelangelo Foundation –un centro sen ánimo de lucro con sede en Suíza que se encarga de apoiar aos artesáns tradicionais de Europa– para formar parte da Homo Faber Guide, un proxecto para dar a coñecer o traballo dos mellores do mundo.

Un recoñecemento que a Cao, natural de San Cibrao, chégalle traballando e do que se sente moi orgulloso. "A verdade é que é complicado entrar, pero a base de traballar e traballar resultou ben" conta recordando que non sabía da existencia da entidade e pensou que era spam o primeiro correo electrónico que lle mandaron. "Despois xa volveron contactar comigo para incluír o meu traballo na fundación e, claro, para adiante por suposto", asevera sobre unha distinción que lle chega pola valía do seu traballo, pois foi a entidade quen o buscou a el e non ao revés como adoita pasar noutros galardóns, para os que é necesario inscribirse.

A inclusión do seu nome nunha guía internacional é un orgullo a nivel persoal e profesional, pero tamén un empuxe para poder situar a comarca e, con iso, a outros profesionais da Mariña. "É un pulo para min e o meu taller, porque un dous meus obxectivos é impartir cursos de formación para axudar a manter o noso patrimonio e ter este recoñecemento vai supoñer que podan vir alumnos de fóra para facer prácticas de empresa no meu obradoiro", relata.

"A distinción axudaralle a potenciar os cursos de formación que impartirá no seu taller de Sargadelos"

FUTURO. Unhas actividades que lle gustaría que se puidesen complementar con outros ensinos para achegar un mundo apaixonante a mozos que o descoñecen e que podería abrirlles as portas a unha formación con futuro. "Na forxa artística non somos moita xente e cada vez hai menos rapaces interesados porque hai poucos sitios onde aprender", sinala, recordando que el mesmo acudiu a varios mestres en distintos puntos de España e o estranxeiro para poder formarse cos mellores ata chegar a ser un deles nunha profesión que lle entusiasma e da que puido vivir con folgura. "Agora mesmo teño traballo para un ano e medio ou dous, e son encargos moi seleccionados que teñen un valor e un interese patrimonial", apunta,

Na actualidade reparte o seu tempo entre os talleres de Vic (Barcelona) e Sargadelos, ao que xa está a preparar o traslado definitivo, "porque hoxe en día, coas infraestruturas e ou movemento de transportes, pódese traballar dende aquí", afirma, recordando que o encargo que ultima son unhas portas para un palacete de Barcelona, "que van nun tráiler e despois fago alí a montaxe".

O seu taller está na antiga nave de fundición de Sargadelos, do século XVII, restaurada en 2017 e cedida polo Concello de Cervo tres anos despois dentro da posta en marcha do Centro de Emprendemento de Sargadelos, integrado por sete establecementos de artesanía.

O alcalde, Afonso Villares, felicitou a Cao pola súa inclusión na guía. "Este recoñecemento anímanos a seguir apostando polo emprendemento local, ofrecendo a posibilidade de poder realizar a súa actividade a un prezo asumible, e á vez revitalizamos un enclave dun gran valor patrimonial, histórico e arquitectónico".

Comentarios