Centro Histórico de Viveiro impulsa as visitas guiadas gratuítas por Semana Santa

Coa colaboración da Xunta de Confrarías e do guía Suso Martínez, parten da Praza Maior de Viveiro cada un dos sete días e terminan na carpa Antesala dun Museo

Dolores Pérez, Suso Martínez y José Veiga en Viveiro. AMA
photo_camera Dolores Pérez, Suso Martínez e José Veiga en Viveiro. AMA

A asociación Centro Comercial Histórico de Viveiro organiza por noveno ano as visitas guiadas gratuítas de Semana Santa, que presentaron a súa presidenta, Dolores Pérez; o presidente da Xunta de Confrarías, José Veiga, e o historiador e guía turístico Suso Martínez, encargado de dirixir os percorridos e que recordou o obxectivo de mostrar Viveiro aos visitantes e "explicar como é posible un fenómeno de relevancia internacional" na cidade.

As visitas saen todos os días da Praza Maior, "o corazón de Viveiro, aos pés do príncipe do Romanticismo, Nicomedes Pastor Díaz", para despois "facer un percorrido non só físico, senón espiritual, de maneira que un saia de Viveiro sabendo moitas cousas, ademais de gozar da nosa gastronomía e dun centro histórico moi comercial e que ten moito dinamismo", apuntou Martínez. O luns, o martes e o mércores empezan ás seis, o xoves ás doce, o venres á unha, o sábado ás cinco e media e o domingo á unha.

As visitas suman cada ano centos de participantes, pero o guía invita a sumarse máis xente, tamén veciños, para descubrir o xeito "singular, único" de vivir a Semana Santa. "Non hai na cristiandade cascos medievais que conserven ese trazado urbano como Viveiro e observar esta Semana Santa tan franciscana, tan dominica, con patrimonio desde o século XV procesionando por este centro histórico tan puro, tan medieval, é algo que non se pode vivir en Córdoba, en Sevilla nin outras cidades", dixo.

Dolores Pérez invitou "a todo ou mundo" a participar nas visitas, "que son sempre amenas e interesantes. Son unha forma de coñecer as nosas rúas, a nosa cultura e o noso gran patrimonio". Pola súa banda Veiga agradeceu a colaboración da asociación de comerciantes nesta e outras iniciativas, como a colocación de carteis ou a repartición de folletos, e comentou sobre as visitas que "son moi importantes" para que tanto visitantes como veciños "poidan coñecer o patrimonio de Viveiro", recordando que terminan sempre na Antesala dun Museo, onde se expoñen parte dos pasos.

A virxe das Dores da VOT desfila este venres
As procesións da Semana Santa de Viveiro arrincan este venres coa da virxe das Dores, que sae desde a igrexa de San Francisco ás 21.30 horas organizada pola Venerable Orde Terceira Franciscana e que leva a imaxe da Santísima Virxe das Dores, de 1741.

Concerto e pregón
O sábado ás 18.00 horas nas Concepcionistas é o concerto de décimo aniversario da banda A Nosa Señora da Misericordia e ás oito e media será o pregón de José Manuel González- Páramo no teatro.

Máis en A Mariña
Comentarios