Cen negocios de Viveiro simulan botar o peche para concienciar sobre o seu valor

Non só queren chamar a atención dos clientes, senón dos donos de baixos que impoñen "prezos desorbitados"

photo_camera Carteis e escaparates ocultos pola campaña do comercio local de Viveiro. DL

A asociación Centro Comercial Histórico (CCH) de Viveiro puxo en marcha o mércores á noite unha rechamante campaña, que continúa este xoves, con máis de cen negocios que empapelaron os seus escaparates, portas e fiestras coma se fosen locais baleiros que botaron o peche e "simulan un pobo sen comercio, servizos nin hostalería". A iniciativa non só pretende chamar a atención dos clientes, senón dos donos que alugan os baixos comerciais, pois "cuns prezos desorbitados dificilmente poderanse manter abertos os negocios", asevera en nome do colectivo a xerente, Isabel Méndez.

Establecementos de todos os sectores: do téxtil á alimentación, pasando pola hostalería ou os servizos profesionais, adheríronse á campaña co obxectivo de mostrar "ao consumidor en que medida o comercio de Viveiro dálle vida". Citan como exemplos a creación de postos de traballo, a colaboración con festas, o patrocinio de actividades de asociacións e clubs ou a realización de sorteos e demais iniciativas ao longo do ano, así como o feito de iluminar as rúas, algo que tamén consideran importante e por iso os negocios acordaron ter hoxe totalmente apagadas as luces dos escaparates.

Segundo explica Méndez "para que o comercio local siga vivo" a campaña de concienciación debería tocar todos aqueles puntos que inciden no seu funcionamento, «non só o acto de compra por parte dos clientes», senón tamén a sensibilidade dos donos dos baixos comerciais para que poñan prezos alcanzables que axuden á apertura de novos establecementos e á súa viabilidade.

"é un hándicap moi grande que ten o comercio, hai determinados baixos que están a uns prezos que non son acordes con Viveiro. Non podemos ter aquí alugueres máis altos que na Coruña nalgúns casos, son desproporcionados e non pode ser. Non se fai caixa para sufragar todos os gastos fixos", advirte.

A asociación tamén clama á a implicación de asociacións e colectivos da zona. "De que nos serve pedir apoio ao comercio para festas, eventos, rifas para a excursión e un longo etcétera se á hora de comprar calquera tipo de material facémolo nunha gran superficie ou por internet", di.

Doutra banda, desde o CCH inciden na necesidade de erradicar a idea de que comprar no comercio local é máis caro. "Os negocios levan tempo adaptándose ás novas esixencias do mercado e aos actuais hábitos de compra, dando un servizo profesional e adaptado a todos os petos", recalcan. Engaden que para constatar que é máis cara unha ou outra opción hai que realizar unha comparativa real de prezos e "haberá moitas cousas nas que non se poida competir cunha gran multinacional, pero en moitas outras o comercio local é moito máis que competitivo", asegura.

O CCH lanzou en marzo outra iniciativa, "30 días 30 motivos" con mensaxes sobre as vantaxes de comprar no pequeno comercio. Isabel Méndez recorda que no último cartel lanzábase a pregunta: "¿Que pasaría se deixásemos morrer ao comercio do pobo" e a campaña que impulsan hoxe ten a resposta: "Peche de negocios, perda de empregos, rúas escuras, baleiras e sen vida".

Comentarios