CC.OO. aposta por renovar xa o comité en Alcoa de San Cibrao

Ve ilóxico atender a crise en Alúmina e o rearranque de cubas en metade do proceso electoral
undefined
photo_camera José Antonio Zan. AEP

A sección sindical de Comisións Obreiras na factoría de Alcoa en San Cibrao celebrou este venres unha asemblea ordinaria cos seus afiliados e simpatizantes a fin de analizar a situación na fábrica e tamén a posibilidade de convocar eleccións anticipadas para a renovación do comité de empresa, dado que "non ten lóxica que en ano electoral os sindicatos asuman a crise na planta de Alúmina e o rearranque das cubas de Aluminio", incide o presidente actual do comité, José Antonio Zan (CC.OO.).

Con relación ao rearranque das cubas na planta de Aluminio recorda que está previsto para o mes de xuño do próximo ano 2023 e só uns meses despois, en novembro, serían as eleccións sindicais, polo que as datas estarían moi parellas.

O sindicato considera que é a única solución para non estar con campañas electorais nun momento en que é necesario liquidar o grave problema que atravesa agora Alúmina, debido ao incremento dos custos enerxéticos. "Quen afronte esa situación non debe estar a pensar en que dentro dun ano ten eleccións, necesítase un comité forte, unido e fresco".

Zan indica que os integrantes de sindicato na fábrica "entenden que debe ser así, saben como está o comité e que para saír desta situación fan falta propostas, desde CC.OO. sempre as puxemos sobre a mesa e seguiremos loitando, pero hai que enfocarse no obxectivo de dar viabilidade a Alúmina máis aló de 2027", recalca. Os asistentes apoiaron o seu parecer na asemblea que tiveron este venres nas instalacións da empresa, que rexistrou boa participación.

MEDIDAS. En canto á situación de Alúmina non dúbida ao cualificala de crítica "" e engade que "só cabe esperar as propostas de Europa e, sobre todo de Alemaña, a ver se ofrecen algunha alternativa para as empresas altamente dependentes do gas, que poñan solucións sobre a mesa. Non é o mesmo que a Unión Europea (UE) tome cartas no asunto para non permitir a caída de industrias de toda Europa a que se poña de perfil", incide.

José Antonio Zan entende que ademais deses acordos é necesario que o Goberno español adopte outras medidas, como as axudas por redución de emisións de CO2, "que neste momento non se están levando ás marxes que permite a UE, como o demostra que outros países están a dar máis diñeiro ás súas empresas. En concreto, menciona a Francia, Alemaña e Italia.

Zan espera que se cumpran os prazos previstos e que este mes comece a execución de investimentos na factoría de San Cibrao. Neste sentido, alude ao forno de homoxeneizado, o transformador, as mesas de coada, o campo de compensación magnética e a tan ansiada PPA que permita avanzar co marco enerxético que precisa a fábrica, segundo insiste.

Pola súa banda, a sección sindical da CIG na fábrica celebra a súa asemblea interna o luns, ás tres e cuarto da tarde, para avaliar a situación do complexo aluminero e propor mobilizacións. Este sindicato dubida da conveniencia de convocar eleccións para renovar o comité e avoga por defender o emprego en toda a factoría.

Máis en A Mariña
Comentarios