As Catedrais tivo menos visitas e agosto foi o mes de máis afluencia

Falta unha semana para o fin do control de acceso e séguense desobedecendo normas

Visitantes, entre las rocas de As Catedrais. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Visitantes, entre las rocas de As Catedrais. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O control de acceso para visitar o monumento natural ribadense das Catedrais terminará o próximo día 30. A falta do balance oficial, o persoal que está a pé de praia puido comprobar que este ano houbo menos visitas, case todas concentradas en agosto, que foi tamén o mes no que se alcanzaron os topes máximos permitidos, que están fixados en 4.812 visitas para unha mesma xornada.

O verán pasado, por exemplo, estes topes alcanzáronse tamén en xullo.

Algúns visitantes foron sancionados, -aínda que se descoñece a cifra exacta de cantos e de que contía foi a multa interposta- por saltarse a prohibición de paso á parte alta do cantil, unha medida que está exposta na cartelería que advirte de sancións de ata 6.000 euros. Ademais, hai unha cinta colocada ao redor desta área restrinxida.

Aínda que en xeral os visitantes son respectuosos coas normas -os vixiantes contratados pola Xunta reparten ademais folletos con advertencias para que a visita pola praia e entre as rocas sexa máis segura-, si houbo apercibimentos a quen insistían en saltar o valado que prohibe achegarse a dúas grutas determinadas e outras zonas con perigo de desprendementos.

En xeral, tras varios avisos, os máis desobedientes accedían, polo que non houbo que chamar á Garda Civil, aínda que convén aclarar que non se podería multar porque aínda non é expresa a prohibición de pasear baixo as grutas.

A maioría dos visitantes, incluso moitos estranxeiros, son coñecedores do accidente mortal ocorrido en Semana Santa na praia, polo que unha moza faleceu tras caerlle unha roca cando visitaba unha cova.

Os autobuses de liña que realizan o servizo regular pola Costa axudaron a utilizar menos o coche para algúns visitantes que optaron por este medio de transporte cando lles coincidía ben polo horario das mareas.

Comentarios