domingo. 15.12.2019 |
El tiempo
domingo. 15.12.2019
El tiempo

¿Canta costeira queda?

Absa vendeu a mesma cantidade de bonito que por estas datas en 2018, pero o consumo de cota podería acelerarse agora

O bonito chega grande a lonxas principais como a de Burela e ao cortalo xa deixa o fío con abundante graxa. é coma se a costeira estivese de novo adiantada, como ocorreu o pasado ano cando se acabou a cota a finais de agosto. Pescadores e comercializadores pregúntanse canta costeira queda este 2019 e as versións son ás veces contraditorias.

Mariñeiros de barcos de Hondarribia que venderon este venres en Burela dixeron que escoitaran que se consumira xa o 50% de cota asignada a España e, xa que logo, amarrarían antes de finalizar o verán. "O outro día en Hondarribia descargáronse 150.000 quilos e o tanqueiro que menos trouxo foron 16.000 quilos", comentaba Aitor, do Irantzazuko Izarra, tras vender en Absa xunto co Gure Itxaropena.

Algúns comercializadores tamén aventuran outra costeira curta: "Pescaron moito os canarios, cando se foi buscar xa estaba moito para aquí das Azores e agora xa está a pescarse á altura de Santander, co cal os tanqueiros bascos axiña o van ter ó lado da casa e daranlle duro. A cota pode esfumarse en breve", sinalaban.

Pero o do 50% esgotado xa en xullo podería deberse a un erro na introdución de datos que controla a Secretaría Xeral de Pesca, un consumo de cota desfasado que se difundiu e podería non responder á realidade. Amablemente, José Manuel Beltrán, da OPP-7, consultou este venres os datos oficiais do Ministerio de Pesca e o pescado ata agora rolda o 30% da cota, cando a 16 de xullo do 2018 capturouse tamén un 31%. Iso si, ao entrar en acción os tanqueiros no Golfo de Biscaia, esgotouse rapidamente, pois o 22 de agosto do pasado ano parouse precautoriamente a campaña cun 94,75% de bonito pescado.

O Izarra é a terceira marea que vende en Burela e tivo semanas de pescalo moi preto da costa. "Son bonitos grandes e recortados, de dez quilos para arriba, moi bos" e os datos de descargas en Burela tamén indican un ritmo de costeira similar ao do ano pasado, aínda que con menos prezo. Este venres, Absa rulara 295.000 quilos, a mesma cifra que o pasado ano pero cun prezo medio algo inferior: 4,75 euros fronte a 5 euros. O resultado é unha facturación de 1.318.408 euros fronte aos 1.477.272 do pasado xullo. Celeiro, segundo a mesma estatística de Pescadegalicia, leva 5.000 quilos máis (16.000 quilos totais) a 4,10 euros/quilo (3,68 no 2018).

Para o Izarra, só queda bonito pois en todo o ano dedícase a el, á cabala e, antes de amarrar no inverno, a recoller algas vermellas que lle compran para fabricar agar agar. "A pescada non vale nada, -di Aitor-, pero ímoslle gañar a liga de traiñeiras a Orio, iso seguro".

¿Canta costeira queda?
Comentarios