Cando o ocio é un medio de vida

Cabaliño de Pao é máis que unha iniciativa de ocio, é un xeito de entender a vida e de aproveitar as oportunidades que agocha o medio rural. Xerardo Rodríguez Franco (A Senra, Cervo), fíxose cargo do que era un equiocio puro no 2022 e agora fai silvopastoreo, manexo de gando con cans, rutas e actividades para nenos
A egua Chispa xunto a Gabriel (esquerda) e Xerardo (dereita) coa cadela Nola e a egua Rosita. JMª ÁLVEZ
photo_camera A egua Chispa xunto a Gabriel (esquerda) e Xerardo (dereita) coa cadela Nola e a egua Rosita. JMª ÁLVEZ

O técnico superior en Organización e xestión dos recursos naturais e paisaxísticos Xerardo Rodríguez Franco, á fronte de Cabaliño de Pao, está convencido de que se pode vivir no medio rural, aínda que sexa "traballoso e custoso" comezar. A súa actividade ten dous piares: o equipo humano e o animal, que "é a parte indispensable que nos permite facer", di Xerardo, quen se enfoca cara a formación dos novos. "É un adianto poder ensinar isto para que se teña unha visión distinta".

As esixencias do mercado levárono a amosar o mundo rural. "É o que chamamos os nenos da aldea e tamén unha oferta máis dinámica enfocada a tódolos públicos". Traballan con cans de pastoreo ensinando o manexo do gando. Por iso teñen dous border collie para o arreo de 30 ovellas de raza galega certificada. O obxectivo é suplir un par de operarios.

Buscou instalacións axeitadas, cun acordo coa comunidade de montes Bidueira para usar montes e o antigo campo de fútbol, onde ofrecen as actividades de pastoreo aos nenos. Durante o outono tamén prevé facer uns seminarios dirixidos a particulares. O proxecto implica o desbroce e a substitución da vexetación por arbustivo ou herbáceo para crear un espazo máis sostible con prantas autóctonas. Ademais na Senra dispón de varias parcelas de veciños en uso gandeiro.

Xerardo Rodríguez conta que nalgunha ruta nocturna viron ao lobo, ademais de atopar pisadas ou excrementos. "É unha realidade, é una especie protexida, polo que se non hai un medio regulador haberá danos. Eu quero que haxa lobo, pero a figura do mastín vai ser clave para as gandeirías, pois é a única medida que che permite  manter o control. Teño ovellas que alternan campo e monte e os mastíns son primordiais para a súa seguridade". 

A efectividade deses cans probouna cun can lobo checoslovaco. "É distinto presentarlles un pastor alemán e un de palleiro. Necesitas un funcional. A garantía do mastín está na capacidade de protección que teña do rebaño".

Por iso optou por unha gandeiría mixta de equino e bovino, que complementa co pastoreo con patos corredores indios, unha raza importada de Reino Unido coa que fan exhibicións para os nenos na pista de Sargadelos. O obxectivo é ensinarlles ordes e palabras.

Xerardo explica que para o pastoreo apostan tamén por cans híbridos do Cáucaso. "Non valen para calquera, son aguerridos e teñen unha presión de mordida alta, polo que dan garantías á hora de defender ante un depredador. Para ir a un can funcional hai que mirar as liñas xenéticas, ten ciencia escollelo e logo fai falla unha boa educación e traballo, nuns oito meses podes telo adestrado. A nosa idea é sacar unha liña que facilite aos particulares o manexo de forma segura e cómoda".

Ampliar a oferta

A incorporación desas iniciativas permite ampliar as actividades para que deixe de ser algo estacional. "Quero dar oferta todo ano. As actividades, que son na natureza e para coñecer o mundo rural, nunca se suspenden pola chuvia, só polo vento, que molesta aos cabalos e pode tirar árbores". Ademais das rutas ecuestres e de sendeirismo proponse facer outras micolóxicas e guiadas sobre fauna e flora.

A finais de xuño ofreceu semanas intensivas para os nenos, de luns a venres e de dez a dúas da tarde, que se alongaron ata o 8 de setembro. Dividas por idades: de 5 a 7 e de 8 a 14 anos, en semanas alternas. Amosoulles o mundo do cabalo e fixo rutas de sendeirismo. Pola tarde houbo rutas a cabalo para nenos e adultos, festas de aniversario, e actividades na pista para os nenos que quedaron fóra das semanas intensivas polo límite de idade. Tamén foron ao río, onde houbo guerra de globos ou carreiras de parruliños.

No verán tivo axuda de dous monitores, pois desenvolven un traballo en equipo para que sexan actividades familiares que poidan desfrutar persoas de tódalas idades, facéndoas o máis amenas e didácticas posibles. Xerardo constata a dificultade de contratar persoal, polo que acolle alumnos en prácticas de ciclos formativos. "Ensínolles por onde van os tiros para quen se vexa capaz que se sume ao proxecto". De feito, un xa quedou de monitor.

Tamén ofrece rutas nocturnas a cabalo cos seis exemplares dispoñibles e equipación con roupa reflectante e luz frontal. Aproveitan o fresco do anoitecer nos días máis calurosos, cando xa non pican os mosquitos. Estes paseos duran unhas dúas horas e son por pistas forestais a maior parte do tempo, ou secundarias, pasando xunto da casa rural O Mudo. "É bonito ver a fauna espontánea que sae de noite: golpe, xabarín, corzo, ourizo… é un atractivo máis".

Esta explotación ten 30 ovellas galegas, cuxo número aspira a duplicar; polo que necesita terreos e xestiona fincas doutros particulares con silvopastoreo, ademais de desbrozar con medios manuais. Xa ten sete hectáreas con contrato de uso gandeiro para esta granxa en extensivo.

Ademais dispón de 30 parrulos, 20 galiñas e 60 pombas. Estas son un reclamo que usa como distracción para o azor. Son cruces de mensaxeira con bravía que aniñan en paredes contiguas á casa. Tamén entrena gatos para cazar ratos, polo que os cría no pombal para que non teñan atracción polos paxaros. Agora ten dúas gatas e un gato, ademais dos seis cans.

Xerardo indica que lle "gusta entender primeiro o traballo para logo traer o animal". Así foi como se fixo cos seus, entre os que ten especial afecto por Chispa, unha egua de 20 anos coa que fai actividades con persoas con capacidades especiais, nenos e rutas.

Nola, de 12 anos, é a border collie coa que empezou os cursos de pastoreo e Tina, de 9 anos, é a mastina que agora protexe os animais da casa fronte ao golpe, ademais de ser unha referencia para o aprendizaxe dos mastíns.

O Concello trata de mellorar as comunicacións
O cervense expresa gratitude cara os que axudaron a consolidar este proxecto, en especial a Raúl e Ofelia. Tamén destaca que o Concello puxo unha torreta para mellorar as comunicacións en Sargadelos, pois ás veces a falla de cobertura impide recibir chamadas de consulta e reservas. O propio Xerardo custeouse un equipo para o seu local. 

Tamén subliña as outras iniciativas que se desenvolven nos locais das antigas cabaleirizas, que dinamizan a zona e serven de complemento, pois fan accións conxuntas como merendas ou obradoiros. Son Marmeladas a Morena, o café bar cultural A Sacabeira, Pasiños na Lúa, Serea Surf Board e o ferreiro Telmo Cao.
 

Comentarios