Burela recupera o proxecto para dar uso ás antigas casas dos mestres

O obxectivo é destinar unha delas a fins sociais e a outra a locais para as asociacións
aaaaa
photo_camera Unha das vivendas, nos Castros. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, confirmou que volve estar en marcha o proxecto para dar un uso ás antigas casas dos mestres do colexio Virxe do Carme. Trátase de dous edificios con catro vivendas cada un que foron desafectados e agora forman parte do patrimonio inmobiliario do Concello, pero que acumulan anos sen ter ningún uso concreto. Un dos edificios xa fora rehabilitado hai anos a través do taller de emprego que comparten Burela, Xove e Cervo "e está bastante ben", recoñece o alcalde, pero o outro necesita ser sometida a reformas.

"Agora mesmo estamos estudando a maneira de artellar que o edificio que se encontra en bo estado sexa destinado a fins sociais, porque hai demanda para iso", explicou o rexedor, que matizou que se pode usar como vivendas de urxencia social ou para albergar vítimas da violencia de xénero, entre outros fins que se enmarquen nas políticas sociais municipais.

A outra sería para dar locais a asociacións do municipio que os necesiten. "O edificio que non foi sometido a ningunha actuación está bastante deteriorado, sobre todo a conta das humidades que se producen por unha canalización que se atopa en mal estado, polo que vai ser preciso, antes de nada, actuar sobre a cuberta, e despois xa levar a cabo outras actuacións, como o pintado ou todo aquilo que sexa preciso", dixo Llano, que subliñou que no Concello "hai preto de 80 asociacións e moitas non teñen onde estar, polo que queremos cubrir esta necesidade ofrecéndolles un local para desenvolver a súa actividade". Llano tamén precisou que os locais poderán ser usados para levar a cabo actividades de interese para a sociedade.

O rexedor subliñou que, nestes momentos, están a estudarse as fórmulas para levar a cabo o proxecto, polo que resulta prematuro falar de datas ou de financiamento para cumprir estes obxectivos.

ANTIGOS PLANS. Desta forma, o goberno burelense recupera un proxecto que xa iniciara o exalcalde José María González Barcia, en cuxo mandato levou a cabo a rehabilitación dun dos edificios para fins sociais e xa avanzaba que estaba previsto destinar o outro a local para as asociacións.

Tamén o goberno de Alfredo Llano durante o seu mandato anterior barallara usar a vivenda rehabilitada para fins sociais, aínda que finalmente non chegou a materializarse.

Comentarios