O Burela refórzase coas fichaxes de Elena García e Irene Samper

Elenita e Irene. PRBFS
photo_camera Elenita e Irene. PRBFS

O Pescados Rubén Burela FS anunciou este mércores a fichaxe das xogadoras Elena García Martos, Elenita, e Irene Samper para o seu equipo feminino.

A internacional española Elenita recalará na Mariña con contrato ata 2023, tras seis exercicios na Universidade de Alacante. A peche alacantina, de 24 anos, conta cunha traxectoria ligada á súa terra e encara con ilusión a nova etapa.

"Logo de tanto tempo saio da miña terra, da miña zona de confort, para asumir un novo reto co que estou moi ilusionada. A clave foi ter a oportunidade de seguir crecendo cun club marabilloso e un equipo excepcional no que espero achegar o mellor de min. Teño por diante o desafío de competir contra min mesma para superarme", sinalou.

Tamén se incorpora ao equipo a á zurda Irene Samper Bilbao, campioa de Europa, asidua da selección española desde 2017 e que chega ao club lucense procedente do Alcorcón. Logo de seis tempadas no conxunto oleiro, con 23 anos, tamén afronta un importante cambio na súa carreira.

"Non foi sinxelo porque me vou moi lonxe de casa pero creo que non podería tomar mellor decisión. Era unha oportunidade que non podía deixar escapar máis; o meu obxectivo é seguir mellorando deportiva e persoalmente e estou segura de que o conseguirei rodeada das grandes xogadoras do Pescados Rubén", sostivo.

Comentarios