Burela elaborará un organigrama con todos os traballadores municipais

O goberno e os representantes do persoal reuniranse outra vez o día 19. O persoal decidirá o xoves nunha asemblea se abandonan as medidas de presión postas en marcha

Reunión en el Ayuntamiento de Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Reunión no Concello de Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o tenente de alcalde, Ramiro Fernández Rey, estiveron este martes na mesa de negociación que inicia os pasos para a elaboración da Relación de Postos de Traballo (RPT) municipal. Segundo avanzou o rexedor haberá unha nova reunión o día 19 á que cada departamento levará a súa proposta de organigrama para a súa análise na mesa. "Foi unha xuntanza fluída e repectuosa, cun obxectivo común que é elaborar un documento nas mellores condicións posibles", asegurou Llano que subliñou que ao documento base que se presentou na reunión e que elaborou unha empresa "fáltanlle especificacións, sobre todo no organigrama dos postos de traballo".

No encontro tamén se tratou a valoración dos postos de traballo, "e chegouse á conclusión de facer un mesmo modelo para valorar todos os postos con criterios como poden ser a experiencia, os títulos educativos e a responsabilidade".

Pola súa banda, o delegado dos funcionarios explicou que o documento base presentado polo goberno era de agosto de 2017 e "faltan 40 postos do persoal actual, polo que mostramos o noso desacordo con el". "O alcalde comprometeuse a presentar o 19 un organigrama que incluíse todos os postos de traballo e a cambio pediunos que cesasen as medidas de presión", asegurou.

A este respecto, desde os representantes dos traballadores puntualizaron que o xoves haberá unha asemblea na que se decidirán os pasos a seguir. "Logo da asemblea comunicaráselle ao equipo de goberno o que se vai facer", asegurou o delegado dos funcionarios.

O persoal protagonizou protestas os últimos catro mércores do mes de xaneiro e estaba previsto que o xoves asistisen ao pleno ordinario previsto para as oito da tarde.

Comentarios