Burela crea unha norma para unificar a imaxe das terrazas da hostalería

O obxectivo do Concello é marcar as características dos espazos para convertelos "nun referente e nun atractivo turístico do pobo"
TERRAZA DEL BAR VISTA ALEGRE DE BURELA
photo_camera Terraza da cafetería Vista Alegre, en Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, confirmou este sábado que o goberno local xa ten elaborada unha normativa para unificar as terrazas dos locais hostaleiros da localidade. "A normativa está pensada para unificar todos estes espazos e que se convertan en lugares agradables que formen parte da imaxe do pobo e sexan un referente do mesmo, así como un atractivo turístico máis", indicou. 

Segundo as primeiras pinceladas que Llano desvelou desta normativa, que podería debaterse no pleno previsto para a próxima semana, trátase dunha norma na que se definen as obrigas dos establecementos de hostalería ao mesmo tempo que se marcan as características que deben seguir as terrazas, tanto a nivel estético como de distancias ou incluso de horario. "Queremos definir un novo modelo de terraza que se adapte a esta normativa derivada do covid e ao mesmo tempo que teña unha proxección de futuro", dixo Llano, "que cada establecemento, dentro da súa liberdade individual, siga unhas pautas que tamén lle dean seguridade xurídica. En definitiva, unha norma que sexa clarificadora con todos os aspectos que poidan afectar ás terrazas", subliñou. 

Esta iniciativa municipal xa suscitou as primeiras críticas antes incluso da súa aprobación. Desde o grupo municipal do PP indicaron este sábado que "esta posible ordenanza" é algo que "xa anunciara alá polo ano 2016 o alcalde pero, como todo o que anuncia o señor Llano quedou en nada". Ademais da tardanza en si mesma, os populares critican que a norma saia agora en plena pandemia: "É positivo e lóxico que dende o Concello se teña algún tipo de control da situación das mesas no interior e no exterior dos locais de hostalaría da nosa vila, especialmente coa pandemia que se está a vivir. O que xa non é tan positivo nin tan lóxico é que se meta os profesionais da hostalaría da nosa vila nun fregado burocrático cando o propio Concello ten técnicos na materia que, perfectamente, poderían colaborar cos hostaleiros para facer eses planos de situación que se lles require por medio deste decreto, aparentemente, non consensuado cos profesionais do sector". 

O PP considera que o goberno debería buscar o consenso co sector e coa oposición para elaborar unha ordenanza

Neste sentido, o alcalde matizou que, aínda que os hostaleiros teñen que presentar un proxecto adaptado á normativa, desde o Concello "botaráselles unha man naquilo que requiran". Ademais, dixo, "na propia normativa xa hai exemplos de planimetría". 

Desde o PP tamén critican que en función do que aparece no que eles cualifican de "decretazo" enténdese que a administración local non ten "un control rigoroso nin exaustivo" das terrazas e que algunhas delas poderían ser irregulares, o que levaría a que algúns hostaleiros "terían recoñecida oficialmente esa terraza e estarían aboando a correspondente taxa e outros non". A este respecto Llano precisou que "hai que distinguir entre o pago da licenza de actividade, que é certo que algúns aínda non a teñen, e a taxa que se cobra por ocupación de terreo público". 

No PP engaden que "se con este paso o que se pretende é regularizar a situación das terrazas, de forma totalmente razoable, o paso previo debería ser crear unha ordenanza municipal para iso, regulando así a colocación destas, coa colaboración correspondente dos propios hostaleiros na súa redacción e non estando de máis que o Concello buscase o consenso coa oposición".

Os populares piden axudas para o sector 
Os populares tamén consideran "imperiosamente necesario" que o goberno local saque "unha liña clara de axudas directas á hostalaría".

Críticas 
Desde o PP din que é "francamente raro" que os profesionais deste sector e do resto, "aínda non cobrasen nin un só céntimo de todo o que se compromotera a dar o goberno local".

Comentarios