Burela aproba a ordenanza que regulará o uso do auditorio

A venda de entradas para actos do Concello será en plataformas dixitais ou en dependencias municipais e para actividades privadas venderaas o promotor

Auditorio de Burela. AMA
photo_camera Auditorio de Burela. AMA

A crecente demanda do uso do auditorio municipal de Burela para a organización de distinto tipo de eventos fixo necesaria a redacción dunha ordenanza que regulará o seu funcionamento, uso e organización. Devandito documento foi este xoves elevado a definitivo coa súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP), logo de estar exposto ao público.

Un dos puntos máis polémicos sobre o uso do auditorio nos últimos meses era a venda de entradas anticipadas para os espectáculos. Na ordenanza establécese que "para garantir a trazabilidade dos cartos que se recaden da venda de entradas para espectáculos culturais ou doutra índole organizados polo Concello", a venda estará limitada ás plataformas dixitais ou a dependencias municipais.

A situación cambia se o promotor da actividade é un particular, neste caso será el quen se encargue de establecer os criterios, "sen que o persoal municipal poda intervir". No documento de cesión do auditorio para calquera actividade estipúlase, no apartado de taxas, que a venda de entradas anticipadas poderá efectuarse tanto en plataformas online como en lugares físicos, como locais comerciais ou establecementos hostaleiros, estean ou non situados no termo municipal burelense, "sempre baixo a xestión e a responsabilidade íntegra da compañía".

O documento tamén establece o xeito na que se debe solicitar o uso do auditorio. Así, debe facerse cun mes como mínimo de antelación á celebración do acto e dirixíndose á casa da cultura para acordar as condicións. No caso de cancelación deberá comunicarse con dez días de antelación, "fóra dos casos de forza maior". Tamén se establecen os horarios dispoñibles para a cesión que serán de nove da mañá a dúas da tarde e de catro a medianoite.

Así mesmo, a ordenanza establece a prohibición de diversos espectáculos. Por exemplo non se poderán levar a cabo actos que inciten a violencia, racismo, xenofobia, sexismo ou calquera outro tipo de discriminación. Tampouco aqueles que fomenten a desorde pública, os que vulneren a normativa de protección animal ou os que sexan constitutivos de delito, entre outros.

Máis en A Mariña
Comentarios