Brote con 24 usuarios e 7 traballadoras contaxiadas na residencia de San Cibrao

A situación do centro é moi complicada, aínda que case todos están asintomáticos ata o momento
Residencia de San Cibrao. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Residencia de San Cibrao. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A residencia de San Cibrao, no municipio de Cervo, rexistra xa 24 usuarios contaxiados e 7 traballadoras, aínda que case todos están asintomáticos ata o momento. Este xoves tiveron que trasladar a un residente ao Hospital da Mariña, en Burela, debido a que ten outras patoloxías e, xa que logo, pertence a grupos de risco, razón que decantou a súa hospitalización.

A situación do centro é moi complicada, dado que o elevado número de empregadas contaxiadas multiplica o traballo das que quedan, ao que se suma a posibilidade de ter que buscar máis traballadores, algo difícil nas circunstancias actuais.

A todo iso hai que engadir o que implica ter illados nunha á do centro aos residentes que son positivos por covid-19, que son xa 24 tras coñecerse novos resultados das probas realizadas este mércores pasado a todos os traballadores e usuarios da residencia cervense, a quen llas repetiron logo de detectarse novos casos entre os residentes.

Comentarios