lunes. 17.01.2022 |
El tiempo
lunes. 17.01.2022
El tiempo

De Boavista ao estadio de Riazor

Guillermo Pigueiras. EP
Guillermo Pigueiras. EP
O vicedense Guillermo Pigueiras dirixe o Victoria CF, un modesto equipo coruñés que o martes recibirá ao Villarreal na Copa

O vindeiro martes será un día moi especial para Guillermo Pigueiras (San Román-O Vicedo, 1980) e histórico para o Victoria CF, un modesto equipo coruñés da Preferente ao que adestrador vicedense dirixe desde este pasado verán. Ese día e en Riazor recibirá a todo un Villarreal na primeira rolda da Copa do Rei.

Os branquinegros converteranse no terceiro equipo da cidade que disputa esta competición logo do Deportivo e o Fabril. Tiveron a oportunidade de facer historia na fase previa diante do Hernani e non a desaproveitaron batendo por 1-0 aos vascos.

O premio de ganar era enfrontarse a un equipo de Primeira e a fortuna quixo que fose o Villarreal. "Pola rivalidade que hai, o Celta era o que máis apetecía porque a entrada sería boísima. Pero estamos contentos co Villarreal porque é un equipo Champions que ganou a Europa League e que ten un gran adestrador como Emery", recoñece Pigueiras.

O preparador está encantado coa oportunidade que ten por diante un equipo de xente moi nova: "Estou contentísimo porque xa son moitos anos no fútbol e, aínda que a veces hai tamén alegrías, sempre levas máis paus. O que vivimos a semana pasada foi impresionante e tivo moita repercusión porque nos viamos por todos os lados".

O paso dos días fai que Guillermo aínda valore máis a clasificación: "Daslle máis importancia porque é algo histórico para o club". Co campo da Grela cheo ata os topes, o Victoria viviu un partido cargado de épica, xa que o Hernani tivo un penalti para igualar cerca do final. "Cando sinalan o penalti pásache pola cabeza o traballo que levas feito. Aguantaramos ben, tiveramos algunha para marcar o 2-0 e podíase ir todo ao traste, pero Jano fixo un paradón", recorda.

Pigueiras asegura que viviu o partido como outro calquera ata ese treito final. "Estiven máis nervioso o día anterior, máis que pola cuestión deportiva, polos test covid. Co penalti e que nos meteran atrás, si que te revolucionas máis, pero como en calquera partido", desvela.

Agora só pensan en gozar diante do Villarreal. "Ese día vai ser unha festa moi grande para o club e para nós por ir a Riazor e vivir o partido desde o outro lado. O bo sería que nos deixaran reducir o campo cinco metros por cada lado, pero creo que non se vai poder", afirma entre risas.

Guillermo e o seu plantel empezan a percibir que son un pouco máis coñecidos. "Sorprendeume que un día fun facer unhas fotocopias e pedíronme unha foto. E un xogador foi comer coa moza a unha churrascaría e non lles quixeron cobrar. É o bonito disto, pero sabemos que a nosa realidade é o partido de Liga desta semana co Mugardos", enfatiza.

CAMIÑO LONGO. Ata chegar ao Victoria, Guillermo tivo que traballar moito. Logo de destacar como porteiro no Xove e pasar por Burela, Alfoz e o Folgueiro, retirouse novo, con 29 anos, e fixo os seus pinitos como técnico na Escola de Fútbol de Viveiro, no Praia de Covas e no equipo da súa vila. No campo de Boavista, fixo de porteiro, adestrador e presidente: "Tirábame máis adestrar ca xogar e por iso parei".

Logo de ser o segundo de José Manuel no Viveiro, deu o salto á Coruña por unha oferta laboral: "Cando cheguei aquí foi como empezar de cero. O primeiro ano non quixen adestrar para coñecer un pouco como traballaban os equipos. E logo foi unha cuestión de currar moito para darse a coñecer e ter un pouco de sorte".

Tras cinco anos no Oza Juvenil SD, nos que tamén foi coordinador, subiu o equipo infantil de Local á Liga Galega e conseguiu pasar de 120 licencias a 430; estivo un ano sen adestrar por un problema de saúde dun familiar e logo chegoulle a oferta do Victoria para dirixir o pasado curso ao Xuvenil B, en Liga Galega. E en xullo recibiu o encargo de coller ao sénior, "algo que me fixo moita ilusión".

Sen esquecer as súas raíces, goza cun equipo cunha media de 20 anos "porque a filosofía do club é o traballo de canteira e somos o único da zona que non paga, só teñen primas por ganar", explica Guillermo.

De Boavista ao estadio de Riazor
comentarios