O BNG propón unha senda verde que una os municipios galegos e asturianos da ría de Ribadeo

Trátase dunha das iniciativas propostas por Néstor Rego no Congreso, que recollen as demandas de Fernando Suárez
Néstor Rego. CEDIDA
photo_camera Néstor Rego. CEDIDA

O BNG propuxo a construción dunha senda verde que unha os municipios galegos e asturianos que se asentan na ribeira da ría de Ribadeo, cuxo saneamento e protección das especies autóctonas reclama ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. 

Estas peticións figuran nunha batería de iniciativas rexistradas polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que recollen as demandas do rexedor de Ribadeo, o tamén nacionalista Fernando Suárez. 

Nelas pídese a implicación do Estado con esta ría que serve de fronteira entre Galicia e Asturias e que, para o BNG, debe ser saneada con base nun plan que tamén supoña actuar sobre as especies invasoras e non actóctonas en ambas as marxes. 

Ademais, a formación frontista solicita un tratamento integral das augas na ría e eliminar "calquera vertedura" na contorna, posto que "en pleno século XXI, nun espazo protexido como este, non pode ser que se estean producindo as verteduras actuais de augas residuais sen que sexan sometidas a un proceso previo de depuración". 

Outra das propostas do deputado do BNG é a construción dunha senda verde que aproveite o antigo trazado do treno mineiro Vilaoudriz-Ribadeo, que conecta cos concellos de Trabada, San Tirso de Abres e A Pontenova. 

Rego recorda que na marxe galega xa existe un tramo duns 5,6 quilómetros que vai desde o faro de Illa Pancha, en Ribadeo, ata o muíño de mareas das Aceñas, así como outro na parte asturiana de 5 quilómetros que une Figueiras e Castropol. 

Xa que logo, o BNG defende que esta senda suporía un atractivo turístico e deportivo que tería impacto económico na zona, ademais de facilitar o goce de espazos naturais para a poboación que vive nas marxes da ría. 

Comentarios