O BNG pide ao Goberno que apunte á nacionalización da planta de Alcoa para "forzar" un acordo

Néstor Rego. JUAN CARLOS HIDALGO
photo_camera Néstor Rego. JUAN CARLOS HIDALGO

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, quere que o Goberno de Pedro Sánchez anuncie a súa disposición a nacionalizar a planta de aluminio de Alcoa co fin de "forzar" un acordo de venda que evite o seu peche e salve o emprego. 

Así llo trasladará á ministra de Industria, Reyes Maroto, coa que, segundo avanzou, ten previsto falar este mesmo xoves, a poucos días de que —o domingo— conclúa o prazo acordado para a negociación da venda a GFG Alliance-Liberty House. Con ese horizonte, o nacionalista subliñou que "as negociacións están a complicarse", polo que urxe aos gobernos galego e español a tomar unha posición "máis activa e contundente" sobre o futuro de Alcoa. 

Rego confía en que de aquí ao domingo se poida pechar un acordo, pero, en todo caso, cre que para "forzalo" sería "esencial" que o Goberno de Pedro Sánchez anunciase xa a súa disposición a iniciar a nacionalización da planta de aluminio. "O único que fai falta é decisión política", dixo. 

É por iso polo que o deputado reitera este xoves á ministra Maroto a posición do BNG, que cre que está "estendida" en Galicia, especialmente na comarca da Mariña, así como entre sindicatos e corporacións locais de distinto signo. "Non existe dificultade nin na lexislación galega, nin na española, nin na europea para proceder á nacionalización desta planta", insistiu. 

Comentarios