Un BMW E21 con morro de quenlla, por Benquerencia

Daniel Vizoso recuperou un dos máis espectaculares Serie 3 grazas ao seu oficio e saga familiar, onde hai vehículos con moitas historias
Daniel Vizoso. EP
photo_camera Daniel Vizoso. EP

Ao grupo de amigos de Diego Vizoso Castro non se lle ocorreu mellor atrezo para desfilar disfrazados de narcotraficantes no Entroido de Ribadeo que subirse hai anos no E21 que aquel restaurara. Caracterizados como os Miñanco, Oubiña e demais, o potente be eme uve –be eme dobre be para os latinoamericanos– da época podía pasar como vehículo de representación daquela tropa que traballaba na ría de Arousa coas planadoras. Con todo, o BMW da ría ribadense tivo un servizo ben distinto, é a epopea da emigración galega. Cara a Alemaña e de volta, claro.

O E21 da Bayerische Motoren Werke é do ano 1979 e a pesar de ser un LU-H tiña placas alemás ao pertencer a un emigrado que regresaba con el. Finalmente o rematriculó aquí un irmán do primeiro dono. Despois do peche de 20 anos nun garaxe, ao ir entregalo para o Plan Renove necesitou consultar uns papeis do seguro no coñecido axente Pablo Vizoso e é aí onde comeza a segunda vida deste coche.

Foi o fillo o que se namorou dos seus 6 cilindros en liña, con esa carrocería sedán tan exitosa que aínda pode verse nos rallyes— Daniel úsao para algún de regularidade— e fixo historia nos circuítos zurrándose cos Mercedes do DTM. Meteulle unha reforma de campionato, di este mozo de 27 anos que xa de adolescente ferregachaba en todas as motocicletas e coches da casa en Benquerencia. "A moto de meu avó estaba desmontada e con 15 anos restaureina; aí empezou todo". E repasou un 2CV do seu pai, xa falecido, para convertelo en coche publicitario do axente. Agora recupera outro Citroën full equip daqueles cochazos de outrora: é un CX que quería regalarlle a Pablo, como antes fixera cun Seat 600 do mesma cor do que tivo de mozo.

O fillo fíxose mecánico e ao BMW primeiro cambioulle a cor por un vermello máis vivo, o que leva o E30, do que tamén toma o alerón. Baixouno cunha suspensión deportiva Bilsteis B8 e loce lamias réplica de BBS para rodas 195/50/15. Esteticamente o máis destacado é o cambio da grella bifaro por unha monofaro. Levantou a culata para comprobar que non tiña algunha válvula dobrada e púxolle un cambio de 5 velocidades, máis curto, que se ofrecía en opción orixinalmente. Con 21 anos fíxollo todo e incluso puido lidar co complexo carburador Solex 4A1 de dous corpos dobres.

A pesar dos cambios, un día ante un paso de peóns de Ribadeo un home achegóuselle: "Nese coche xa fixen eu moitos quilómetros", ao que Diego replicou: "Sería nun coma este ." "Non, foi neste". O seu primeiro dono recoñeceuno e ata lle chegou a enviar unha foto encadrada de recordo que agora colga do taller nos baixos da casa onde tamén ten o retrato do seu pai cando de mozo cabalgaba a HV Agusta Sela do avó, que fora fabricada en Xixón. Esta segue en casa, restaurada, xunto ao seu modernísima HV 1000 de catro tempos, en cor vermella. Pero por alí hai unha Vespa de 1968 e outras motos clásicas, un VW Escaravello...Daniel recoñece que lle custa desfacerse das súas máquinas. Lévano nos xenes, o pai era tornero e foille collendo o gusto a ese mundo.

O E21, de inconfundible capó que abre ao revés, necesita repostos caros. Queda algunha reforma pero descarta potencialo pois corre o suficiente. Era o M3 de entón, un aparello ao que o anterior propietario cargaba cun par de cadeas de 20 quilos a cada lado do maleteiro para que agarrase. No cubrecárter leva gravadas as siglas do seu pai xunto ás súas. Unha berlina deportiva cun morro inconfundible e cromados que, como os recordos, o tempo non consegue borrar.

Viaxes de ida e volta
Os alemáns xa buscan estos coches aquí para restaurar porque alí comeullos a sal das autovías, dice Daniel

Máis en A Mariña
Comentarios