O Bloque pide que o regulamento de vixilancia non se aplique á frota de baixura

Ana Pontón encabezou un grupo de traballo que se entrevistou con responsables do sector
2021041017183782346
photo_camera Encontro entre representantes do BNG e do sector pesqueiro. EP

A máxima responsable do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, encabezou o venres unha ampla delegación do seu partido que mantivo un encontro en Burela con diversos representantes do sector pesqueiro de baixura mariñán para abordar a situación que afrontan a propósito dos cambios que pretende impoñerlles a Unión Europea. Pontón e mailos outros representantes da súa formación reclamaron que non se aplique o regulamento de vixilancia á frota de baixura xa que consideran que faría inviable o seu traballo tal e como está plantexado na actualidade.

Para Ana Pontón os plantexamentos feitos provisionalmente dende Bruxelas amosan "até que punto se lexisla na Unión Europea ignorando a realidade da frota galega", denunciou a portavoz nacionalista, quen indicou que para o BNG non ten sentido instalar cámaras abordo, a xeolocalización permanente ou facer obrigatorio o diario electrónico de pesca para embarcacións a partir dos catro metros, "porque a frota galega é maioritariamente artesanal e de baixura e pesca nas rías en mareas de menos de 24 horas. É un disparate e un sen sentido e imos defender en Bruxelas e no Parlamento que se exclúa a frota de baixura porque este regulamente faría inviable a súa actividade e mesmo suporía un risco", recalcou Pontón.

O impacto do Brexit tamén foi abordado neste cumio co sector pesqueiro da Mariña, tendo en conta que Galicia dispón do 70% da cota española en augas británicas e, no caso da Mariña, dos 88 barcos que faenan no Gran Sol, máis da metade teñen base nos portos de Burela e Celeiro.

Tendo e conta esa situación, a máxima responsable do Bloque indicou que o que demandan desde a súa formación en primeiro lugar é "compensacións directas por perdas tramitadas a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca", así como que a Xunta de Galicia "reclame participar directamente nas negociacións co Reino Unido, como fai por exemplo, Escocia" e lembrou Ana Pontón que "a frota galega xógase moito nas cotas de capturas de especies moi valiosas desde o punto de vista comercial, como a pescada ou o rapante".

Censuran que non se poida vender marraxo recollido
Outro dos temas tratados no encontro de cargos do BNG cos distintos representantes do sector pesqueiro mariñán, foi o problema da frota de palangre, con moito peso na Mariña, en relación á captura da especie do marraxo. «Neste momento a frota ten 100 toneladas destas capturas que non pode sacar ao mercado e que se ve obrigada a conservar en cámaras conxeladoras asumindo, non só un prexuízo por non poder vender, senón tamén un custe de mantemento moi importante», sinalou Ana Pontón.
Autoridade portuaria
A cuestión da creación da Autoridade Portuaria en San Cibrao xurdiu unha vez máis no encontro de onte. Entre os asistentes estaba a europarlamentaria Ana Miranda ou a responsable comarcal do Bloque, Ana Ermida, ademais de responsables dos portos de Burela e Celeiro e das frotas e das confrarías mariñáns.

Máis en A Mariña
Comentarios