Un biólogo da Cemma falou no Vicedo sobre especies mariñas protexidas

Charla de Alfredo López en O Vicedo. AMA
photo_camera Charla de Alfredo López no Vicedo. AMA

O biólogo Alfredo López da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) de Galicia falou no centro social de San Román, no Vicedo, sobre especies mariñas protexidas presentes na costa de Lugo. A charla, que forma parte dun curso apoiado pola Deputación cunha axuda económica e co apoio técnico da coordinadora, prodúcese cando se iniciou a tempada de chegada ao litoral galego dos lobos mariños. 

A asociación de veciños de San Román, organizadora desta actividade, colabora desde hai tempo coa rede de varamentos da comunidade galega que xestiona a Cemma. A súa achega contribúe ao seguimento dos mamíferos mariños avistados no municipio vicedense e en comunicar as alertas de varamentos, ademais de recoller a información precisa sobre estes animais. 

López destacou a importancia de manter o léxico marítimo e de asistir aos animais varados. A iniciativa inclúe a edición dunha guía de campo, con descrición das especies e protocolos de actuación, que se repartirá a colectivos e centros educativos.

comentarios