Ben entra na historia do atletismo español co seu sexto posto en Doha

O mariñán convértese no atleta nacional que mellor resultado consegue nunha final mundial de 800 metros. Como nas semifinais, marchou na cola ao seu ritmo ata que explotou a súa punta de velocidade na recta decisiva
Adrián Ben, tras la final de 800 metros en Doha. LAVANDEIRA JR. (EFE)
photo_camera Adrián Ben, tras a final de 800 metros en Doha. LAVANDEIRA JR. (EFE)

Hai un par de anos, Adrián Ben foi invitado a correr un meeting en Pontevedra fóra de tempada. Equivocouse de horario e chegou tarde, como Perico Delgado naquela contrarreloxo en Luxemburgo (cousa de xenios, parece). Era a estrela do evento e esperaron por el, que competiu sen quentar. Era unha carreira de 500 metros e fixo 1.02 minutos, a oitava mellor marca española de todos os tempos. Con 19 anos. Unha animalada.

O mariñán proseguiu coa súa carreira enfocada ao 1.500, pero esta tempada sufriu un revés importante ao quedar fóra nas series do Europeo sub-23. Tamén picou no Europeo indoor, así que baixou un banzo e probou no 800, onde á primeira logrou a mínima para o Mundial de Doha.

Abriuse entón un debate. ¿É un atleta de 1.500 ou de 800? Opinións hai moitas, pero feitos só un, o que o propio Adrián Ben acaba de protagonizar en Doha. O mariñán concluíu este luns na sexta posición a final de 800 metros do campionato do mundo (1.45.58), a mellor actuación dun atleta español en dita distancia nuns campionatos do mundo.

Nada máis acabar a carreira preguntáronlle se tiña pensado volver ao 1.500. "Mira", contestou Adrián Ben. "Se queres douche o teléfono do meu adestrador (Arturo Martín). Eu farei o que diga el", asegurou. Parece que o home que dirixe a súa carreira profesional veo máis no 800. Talvez saiba o que sucedeu hai dous anos en Pontevedra. Aquel 500 deu pistas do tipo que atleta que é Adrián Ben.

Doha asistiu ao nacemento dunha estrela. Dun deportista con estrela. Poucos daban un peso por el. Como moito que se metese en semifinais se soaba a frauta. Pero el confiaba nas súas opcións. Nunca se sentira mellor na súa vida, aseguraba cando lle preguntaban. Chegou a súa quenda o sábado na segunda serie. Arrincou coma un foguete, parecía que o facía máis que nada para que se lle vise en televisión, que o mundo soubese onde está Viveiro. Pero non era un farol. Aguantou e plantouse en semifinais. ¿Fin da aventura? Non.

Para meterse na final, Adrián Ben cambiou de estratexia. Correu como o fan os grandes, coa cabeza fría, ao seu ritmo, confiando no seu final para adiantar rivais na recta final. E así foi. Acabou cuarto e entrou na final. Só o conseguira outro español antes, Tomás de Teresa, en Tokio 91.

E chegou o gran día. Co seu querido Viveiro seguindo a carreira na Praza Maior, Adrián Ben superou o seu propio listón. Correu como en semifinais, con tranquilidade, na cola, esperando para espremer o seu gran final na recta decisiva. Esta vez parecía que non sería suficiente para evitar a oitava praza. Non pasaba nada. Estar aí xa era histórico. Pero non, este rapaz non sabe pasar desapercibido. Está tocado por unha variña máxica. Apertou os dentes na recta final e entrou na sexta posición. A mellor actuación dun atleta español nunha final mundial ou olímpica de 800 metros.

As cámaras enfocaban ao estadounidense Donovan Brazier (gañador cun estratosférico 1.42.34), ao bosníaco Amel Tuka (segundo con 1.43.47) e ao keniano Ferguson Rotich (bronce con 1.43.82), mentres Viveiro, Lugo e calquera que ame o atletismo festexaban a xesta de Adrián Ben.

Só el e o seu adestrador saben se o seu futuro está no 800 ou o 1.500, pero agora mesmo iso é o de menos. Con semellante presente calquera decisión que tomen parece que será acertada, pero todo apunta a que na súa decisión pesará moito o sucedido en Doha. E en Pontevedra.

Comentarios