Ben dá negativo pero gardará corentena durante cinco días

Adrián Ben, en Covas. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Adrián Ben, en Covas. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O atleta vivariense Adrián Ben, sexto no Mundial de Doha de 2019 nos 800 metros lisos, terá que estar en corentena ata o vindeiro luns na súa habitación da residencia Blume, en Madrid, seguindo as recomendacións do doutor deste centro de alto rendemento deportivo.

O mariñán tivo un contacto cun positivo o pasado venres. Tivo coñecemento diso o luns, cando lle avisou a persoa que deu positivo. Desde entón está illado na súa habitación sen ningún síntoma. Ben pasou un test serológico rápido que deu positivo en IgM e IgG (anticorpos), o que significaría que xa pasou a enfermidade, pero deu negativo no test de antígenos, é dicir, que non ten o covid.

A pesar diso, o médico da residencia recomendoulle a corentena ata o vindeiro luns, polo que estará sen adestrarse sete días. "Para min é moito, porque é o que para cando descanso no verán; ademais non teño nada para exercitarme na habitación", explicaba a este diario o atleta desde a residencia madrileña.

A Adrián Ben quedan agora uns días por diante nos que aproveitará para "ler e estudar", di. Seguro que se lle farán longos por non poder facer o que máis lle gusta, que é exercitarse cos seus compañeiros de adestramento.

Comentarios