Barea toma posesión como presidente da Autoridade Portuaria Ferrol - San Cibrao

Destacou entre os seus obxectivos o "tender pontes entre o público e o privado"
Francisco Barea toma posesión como presidente de la Autoridad Portuaria de Ferrol.
photo_camera Francisco Barea toma posesión como presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol. EFE

Francisco Barea tomou posesión este venres como presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, nun acto desenvolvido na Sala de exposicións deste organismo. Barea apuntou que un dos seus principais obxectivos será finalizar á menor brevidade o acceso ferroviario ao porto exterior de Caneliñas. "Será o meu empeño axilizar os traballos ao máximo, porque necesitamos que o tren empece a circular mellor hoxe que mañá", destacou. Así, engadiu que "é a chave para favorecer a ampliación da terminal de colectores e para profundar nesa diversificación de tráficos que tanto necesitamos". 

Entre outros, asistiron ao acto o vicepresidente do Parlamento de Galicia, Diego Calvo; a conselleira do Mar, Rosa Quintana; a subdelagada do Goberno na Coruña, María Rivas; o almirante do Arsenal Militar de Ferrol, Ignacio Frutos; e os alcaldes de Ferrol e Cervo (Lugo), Ángel Mato, e Alfonso Villares (PP), respectivamente.  "Traballarei sen descanso para recuperar, na medida do posible, parte do tempo perdido e para solucionar de inmediato os problemas dos veciños afectados polos traballos", afirmou en alusión aos problemas que denuncian residentes na zona da Graña. 

O máximo responsable da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao tamén detallou no seu discurso de toma de posesión que quere "tender pontes entre o público e o privado, onde a colaboración entre ambas as esferas sempre foi fundamental para lograr o progreso". 

TRES ALICERCES. Pola súa banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou que "é un momento clave para o desenvolvemento do negocio marítimo local, nun contexto no que hai que despexar o horizonte, para poder cementar o crecemento económico que necesita Ferrolterra". Así mesmo, detallou que "os retos do Porto de Ferrol pasan por reactivar os tráficos, conseguir a diversificación, cunha maior diversificación de tráficos, ademais de coordinar os usos das tres áreas portuarias", en alusión ao porto interior e exterior de Ferrol e o de San Cibrao, en Lugo. 

CURRÍCULO. Francisco Barea naceu en 1972 e ata hai uns días era o director do Instituto de Estudos do Territorio, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Anteriormente desenvolvera a súa carreira profesional en diferentes postos de xestión da empresa privada, tanto na dirección e supervisión de estudos e proxectos de estradas, obras hidráulicas e urbanizacións como na dirección e supervisión de servizos de dirección de obra civil. é enxeñeiro superior de Camiños, Canles e Portos.

Máis en A Mariña
Comentarios