Xa se pode volver a tomar o café ou ir de comida a Trabada

Rubén García reabre o mesón Camiño Norte, único bar da localidade, ademais de levar tamén o único supermercado da vila e exercer como concelleiro de Deportes e Saúde no goberno municipal
Rubén García, no mesón Camiño Norte, en Trabada. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Rubén García, no mesón Camiño Norte, en Trabada. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Non lle falta traballo a Rubén García no seu concello, Trabada. Este mércores disponse a reabrir o mesón Camiño Norte, no medio da vila, un local de hostalería cunha historia complicada que foi abrindo e pechando con distinta xente durante moito tempo. Pero el velle posibilidades e por iso se decidíu a collelo despois de que os anteriores inquilinos decidiran deixalo. Coa súa reapertura, convertirase de novo no único bar de Trabada, algo importante e que el mesmo recoñece que o ten moi en conta "porque eu son de Trabada e quero que haxa vida aquí".

Queda claro que el é dos que pón da súa banda, porque xa é o dono do único supermercado que teñen, o Spar que funciona case fronte ó bar e restaurante que está a piques de reinaugurar. E non só iso, Rubén é tamén concelleiro do PSOE, que goberna en Trabada con maioría absoluta de xeito que non se aburre. Neste caso concreto, di que agardou a que o funcionamento do supermercado se estabilizara, algo que pensa que foi acadando, e por iso reabre este local "co nome que tiña antes, o orixinal de Camiño Norte".

A súa intención é que funcione como cafetería, bar e restaurante porque di que é un local con moitas posibilidades. "Imos abrir ás oito da mañá porque unha das cousas que quero é que a xente saiba que ás oito da mañá xa hai onde tomar un café en Trabada. Agora mesmo hai outros dous bares no concello, pero están en Ría de Abres, e tés que marchar ata alí, que hai dez ou once kilómetros, así que non é nada práctico porque moita xente non se pode desprazar ata alí só para tomar algo". O Camiño Norte vai ofrecer de luns a venres, a mediodía, menús a once euros e o venres á noite, o sábado e o domingo van ofrecer tamén carta.

Locais que dan vida a un pobo

Rubén García sabe que non só abre un bar: "A verdade é que esto parécese un pouco ó súper no senso de que son sitios que lle dan vida social a Trabada. Son lugares onde se reúne a xente e fala, e iso é moi importante para un pobo pequeno. Eu fago o que poido para que siga tendo vida".

Malia que non ten experiencia no sector da hostalería, Rubén anticipa que ten moi claro que quere dar "un servicio de calidade, quero facer algo que sexa bon e que a xente saia contenta de aquí". Para acadalo van ter unha cociñeira máis dous camareiros, e el mesmo e a súa muller traballarán tamén alí turnándose co supermercado e, no seu caso concreto, o tempo que lle ten que adicar ó goberno municipal. "A verdade é que choio non me falta", admite.

Para quen coñecese de antes o local, que en Trabada son todos, Rubén xa avisa de que vai estar cambiado. "Démoslle sobre todo un cambio de imaxe importante, reformámolo bastante, cambiando tamén as salas do local", porque se trata dun espacio moi amplo que sabe que se pode aproveitar porque "ten moitas posibilidades, iso seguro".

De momento, este mércores arrinca unha nova etapa deste local que non é só un bar ou un restaurante, é un servicio para a veciñanza de Trabada e para a xente que traballa preto e así pode atopar un sitio cerca onde comer. E non só iso: quen faga o Camiño Norte, poderá facer unha paradiña alí mesmo: no Camiño Norte, porque está en plena ruta xacobea.

Comentarios