Bañistas salvan a tres persoas con problemas para saír do mar en Barreiros

En Foz, a zodiac de Protección Civil rescatou a cinco mozos que trataron de cruzar con marea baixa ata Barreiros
Playa de Coto, en Barreiros. AMA
photo_camera Praia de Coto, en Barreiros. AMA

Un grupo de bañistas que se atopaba na tarde deste martes no areal barreirense de Coto salvaron a vida a outras tres persoas que se viron en apertos para saír da auga ao meterse nunha zona de corrente. Os usuarios da praia axudáronse dos salvavidas que existen na zona para poder sacar da auga sobre as catro aos afectados, ao parecer tres mozos.

As praias barreirenses, como boa parte do resto de areais da comarca, están sen servizo de socorrismo este mes, polo que son moitas as voces que reclaman un cambio na normativa autonómica para poder contar con máis persoal e máis tempo e tratar de evitar incidentes en xornadas que aínda rexistran notable afluencia de bañistas.

Desde Protección Civil de Barreiros, que coordinou o servizo de salvamento, agradecen a colaboración dos bañistas, "porque axudaron a salvar vidas", recordan, á vez que fan un chamamento para que se converse o material en condicións.

FOZ. A zodiac de Protección Civil de Foz rescatou a cinco mozos da localidade que trataron de cruzar con marea baixa ata Barreiros, pero que quedaron illados nun montículo ao subir a marea. A embarcación, con dous voluntarios, partiu sobre as seis da tarde tras dar o aviso os mozos, que non sufriron contratempo algún.


 

Máis en A Mariña