A Audiencia Provincial ditaminou a absolución do exrexedor de Barreiros

Afonso Fuente e cinco concelleiros foron absoltos dun delito de prevaricación urbanística
Alfonso Fuente Parga. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Afonso Fuente Parga. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo ditou o venres sentenza firme absolutoria sobre un recurso de apelación presentado pola fiscalía e Adega contra a sentenza ditada o pasado 8 de febreiro polo Xulgado do Penal número 2 da capital lucense, pola que se absolveu ao exalcalde de Barreiros, o popular Alfonso Fuente, a cinco dos seus edís e á arquitecta municipal dun delito de prevaricación urbanística, pola concesión, en 2006, de 40 licenzas coas que se prevía a construción de 3.000 vivendas no concello mariñán.

No ditame final, un dos tres maxistrados que instruíu o recurso de apelación mostrouse en contra da sentenza final absolutoria, sobre a que non cabe casación. Así as cousas, o ministerio fiscal sostiña, do mesmo xeito que Adega -que se presentou como acusación particular e que tamén recorrera-, que non se valoraron adecuadamente as probas practicadas".

Un dos acusados, Alfonso Fuente, mostraba o venres a súa satisfacción tras coñecerse a sentenza. "Estou aliviado, e alegre porque desde o principio sabiamos, tanto o equipo de goberno como eu, que fixeramos as cousas ben. Todas as nosas decisións estaban baseadas nos informes dos técnicos do concello", recoñece o exrexedor barreirense e agora na oposición.

Comentarios