Foz quere recolocar á asociación Virxe do Carme

O alcalde asegura que están a buscar un espazo para que este colectivo deixe libre o centro social para os xubilados
El alcalde de Foz, Fran Cajoto. AMA
photo_camera O alcalde de Foz, Fran Cajoto. AMA

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, confirmou este mércores que desde o goberno local xa están a traballar para recolocar á asociación de persoas con discapacidade Virxe do Carme que agora ocupa o local social que pertencía aos xubilados. "Estamos a analizar un par de propostas, pero necesitan reformas polo que non podemos facer nada ata que teñamos presupostos" explicou e subliñou que "as reinvindicacións da nova asociación de xubilados parécennos xustas e estamos de acordo en que teñen que recuperar ese espazo para facer a súa vida social, pero agora mesmo faise preciso atopar un lugar cómodo e axeitado para a outra asociación que fai unha labor moi importante". Cajoto fixo estas declaracións despois do encontro que mantivo, xunto a outros membros do goberno, coa Asociación central de Xubilados e Pensionistas de Foz.

Con respecto ao local social para os xubilado na praza Conde de Fontao, Cajoto tamén avanzou que é necesario decidir se se volve a adxudicar o bar ou ben se se establece outro modelo de xestión deste espazo. Pola súa banda, o presidente da asociación de xubilados, José Severiano Vaz, manifestou o seu desencanto tras o encontro deste mércores, porque "xa levamos tempo esperando e aínda temos que esperar máis, porque nos dixeron que ata que non estivese o orzamento aprobado non se podía facer nada, co que nos imos ata o mes de xaneiro", recalca.

A parte positiva é que "recoñeceron que tiñamos razón, pero non pode ser doutro xeito porque nos asiste a lei e temos unha escritura na que se recoñece que unha parte do local que cedeu o pobo de Foz tiña que ser para as persoas da tercerda idade".

Vaz insiste en que as persoas maiores están "á intemperie, ao frío, á choiva, sen un sitio onde reunirnos, charlar ou facer cursos", recorda, porque a asociación, cuxo fin primeiro é conseguir o local, non quere quedar niso, senón que aposta por pór en marcha diversas actividades para a xente maior. "Imos esperar a xaneiro, porque é o prazo que nos deron para acondicionar outro local para os usuarios da entidade que agora acode ao centro de servizos sociais, pero imos estar vixiantes e dispostos a chegar ata as últimas consecuencias, porque a lei asístenos", explica Vaz.

CONCENTRACIÓN. A Unión Xubilados e Pensionistas de Foz convoca para o sábado, ás doce do mediodía fronte ao consistorio, a súa concentración mensual en defensa do sistema público de pensións. Nesta ocasión fan un chamamento aos mozos para que apoien as súas reivindicacións.

Comentarios