Así era Santiago Otero, o vivariense que morreu electrocutado na bañeira ao caerlle o móbil

Era orixinario de Escourido e xogou ao fútbol en varios equipos da Mariña
Una psicóloga frente a la vivienda en la que falleció Santiago Otero. SUMMA
photo_camera Una psicóloga frente a la vivienda en la que falleció Santiago Otero, junto a su imagen sobreimpresionada. SUMMA / ARCHIVO

O vivariense Santiago Otero, de 38 anos de idade, foi atopado este xoves morto na vivenda na que residía en Madrid, situada no número 125 da avenida de Portugal. A muller do falecido achouno desvanecido dentro da bañeira co teléfono móbil enriba e o cable enchufado á rede. A principal hipótese apunta a que puido morrer electrocutado ao caerlle o aparello na auga mentres o estaba cargando, xa que a vítima tiña unha queimadura na zona do peito sobre a que apareceu o teléfono móbil. Aínda que todo apunta a un accidente doméstico, a Policía Nacional fíxose cargo da investigación. 

O xoves revisouse a instalación da casa para comprobar se saltou o diferencial da vivenda e cortouse a corrente eléctrica da casa. Tamén se investigaba se tiña o o cargador conectado a un alargador e se este se mergullou na auga.

A muller atopouno inconsciente dentro da bañeira ao regresar ao domicilio logo de traballar durante toda a noite, polo que as primeiras investigacións estiman que levaría morto entre oito e dez horas. Os sanitarios do Summa 112 que se desprazaron á vivenda só puideron confirmar o falecemento e unha psicóloga do servizo madrileño de saúde atendeu á parella da vítima, que se atopaba moi afectada.

O home falecido en Madrid era moi coñecido na comarca da Mariña polo seu paso varios equipos de fútbol da zona. Orixinario de Escourido, na parroquia vivariense de Covas, Santi Otero era coñecido no mundo do fútbol co sobrenome de Catanha.

Dianteiro centro criado nas categorías inferiores do Viveiro, xogou unha tempada no equipo xuvenil do Real Oviedo e posteriormente pasou polo primeiro equipo vivariense, o Xove Lago ou o Folgueiro, entre outros equipos.

Santi Otero residía desde hai varios anos lonxe de Viveiro, xa que motivos laborais levárano primeiro á comunidade de Castela e León e posteriormente á capital de España.

O exfutbolista do Viveiro seguía matando a espiniña do fútbol xogando ao fútbol-7 en Madrid e cando visitaba Escourido sempre se achegaba ao campo de Boavista a pegarlle unhas patadas ao balón coa xente do Folgueiro, equipo que compite en Primeira Autonómica. Deixa muller e dous fillos.

A Unión Deportiva Folgueiro expresou en redes sociais as súas condolencias a familiares e amigos pola morte dun "gran amigo e compañeiro de todos, que nos aledaba as tardes cos seus goles e as súas risas", destacaron. A última hora do mércores non transcendera aínda onde se celebrará o velorio e o enterro do Santiago Otero.

Máis en A Mariña