Os artesáns afrontan "con ilusión" o regreso da feira de Viveiro

Inaugúrase este venres e estará aberta ata o 22, con 26 casetas nos xardíns Noriega Varela
undefined
photo_camera Paula Díaz no recinto da feira, que se está montando. J.M. PALEO

Tras un ano en branco a Feira de Artesanía de Viveiro regresa este venres aos xardíns Noriega Varela "con moita ilusión" dos artesáns por retomar actividade. A volta será con novas medidas de seguridade como un circuíto unidireccional para percorrer os postos ou unha maior separación entre casetas que obrigou a reducir o seu número dos 30 de edicións anteriores aos 26 actuais.

A asociación Proa organiza xunto ao Concello esta feira, que se inaugura o venres ás seis da tarde e que estará aberta ata o domingo 22, en horario de once a dúas e de cinco e media a dez. Desde o colectivo organizador Paula Díaz apunta que haberá unha única entrada xunto ao conservatorio mentres que a saída será no lado de La Caixa. "Na entrada haberá unha persoa para indicar as medidas de seguridade, como entrar con máscara, gardar a distancia ou non aglomerarse", comenta Díaz. Neste circuíto unidireccional estarán situados, por esta orde, as casetas, que son os de Olería José M. Guisado Monge, Fonte Meimil, Amorei, Maguetes, Leónlagata, Sopa de Noz, Feitizo, Mestura de Kores, Imavi, Vidro Reciclado, Esquina Atlántica, Paula Dimé, O Sapo Chosco, Jatafarta, As Flores de Greta, Xoias de Papel, Otero Regal Ceramista, Dkastro, A Burgarda, Media Lúa, Xakarandá, Arcoiris, Cerámica Ferreira, Taller Patapúm, Montse Betanzos e Eferro.

A feira incorporará novas medidas de seguridade, como un circuíto unidireccional para percorrer os postos ou unha maior separación entre casetas 

Entre os artesáns hai representación vivariense, con Paula Dimé e Otero Regal, e tamén da comarca cos mindonienses Fonte Meimil e Esquina Atlántica. Detrás de Imavi e Media Lúa tamén hai artesás oriúndas de Viveiro aínda que residen en Vilalba e O Rosal. "A maioría son todos de Galicia, exceptuando dúas", comenta Díaz. En todo caso, todos eles están "moi ilusionados e con moitas esperanzas de que a xente responda" tras unha época "moi dura" para este sector na que "algúns cesaron a súa actividade".

A situación sanitaria tamén condiciona outras actividades e este ano non levarán a cabo talleres, con todo mantéñense os premios que serán á mellor caseta e á mellor peza da feira, cuxo cartel deste ano deseñou Iván Fernández Ferro de All Black, o novo estudo de tatuaxe de Viveiro.

"Apostamos pola cultura segura ao aire libre"
O Concello de Viveiro colabora tanto coa Feira de Artesanía como coa Feira do Libro que tamén arrinca o venres noutro tramo dos xardíns Noriega Varela. "Con estas dúas feiras apostamos pola cultura segura ao aire libre, axudando ademais á reactivación económica de dous sectores afectados pola pandemia", apunta a alcaldesa, María Loureiro, que recorda que en ambas as citas "cumpriranse todos os protocolos e recomendacións sanitarias, sendo obrigatorio o uso de máscara".

Feira do Libro
A Feira do Libro inaugúrase mañá ás doce do mediodía co pregón infantil a cargo de Lucas Fernández Sierra e o pregón da feira coa escritora Arantza Portabales, que a continuación presentará a súa última obra, La vida secreta de Úrsula Bas. Nesta primeira xornada tamén asinarán exemplares Eduardo Bahamonde e Mario Alonso.

Comentarios