Tres artesáns lucenses asisten a unha feira en Milán do 3 ao 11 de decembro

Trátase dos talleres Artesanía do Pasatempo e Esquina Atlántica de Mondoñedo e Sopa de Noz de Lugo
undefined
photo_camera Representantes de Artesanía do Pasatempo y Esquina Atlántica de Mondoñedo. ARTESANÍA DE GALICIA

Un grupo de dez talleres artesáns galegos participarán entre o 3 e o 11 de decembro na feira L'Artigiano in Fera de Milán. Da provincia de Lugo viaxarán tres, os de cerámica Artesanía do Pasatempo e Esquina Atlántica de Mondoñedo e o de téxtil Sopa de Noz de Lugo. "Hai anos que se asistía a esta feira con Artesanía de Galicia, pero finalmente deixouse e algúns artesáns seguiron acudindo de xeito individual", explica Marcelo Scapinachis, do taller Esquina Atlántica e coordinador do grupo que se despraza a Italia. "Este ano recibimos a invitación e animámonos a asistir para comprobar se a feira volve ser o que era antes da pandemia".

Xunto aos tres talleres lucenses acudirán a Italia Suso Calo de Moaña, Xoiart de Carral, Ivindi de Baiona e Amorei de Vigo, que son de xoiería; Chueco da Coruña e Mestura de Kores de Vigo, que traballan o coiro; e Boro de Ourense, que é de téxtil.

                      Representantes de Artesanía do Pasatempo e Esquina Atlántica de Mondoñedo (esquerda) e de Sopa de Noz de Lugo.
 Sopa de Noz de Lugo. ARTESANÍA DE GALICIA

"Nesta edición, en principio, a aventura é en solitario, sen apoios institucionais, á espera das posibles axudas ás que poidan acollerse os talleres en 2023 orientadas a paliar algún dos gastos orixinados na tempada do Nadal", explica Scapinachis, que subliña que os dez participantes están a coordinarse e desenvolvendo unha estética común "para diferenciar o espazo de Galicia do resto de expositores que participen no evento".

No caso dos talleres mindonienses, que é a primeira vez que acoden a unha feira internacional, contan co apoio do Concello, ao formar parte dos artesáns do barrio dos Muíños, e levarán material promocional do municipio. "Ademais de expor e vender as nosas creacións, repartiremos folletos e dípticos con información turística e tamén decoraremos o noso espazo con imaxes da cidade", explica Scapinachis, que traballa xunto á súa parella, Maika Juncal, en Esquina Atlántica. ela ademais ten Artesanía do Pasatempo. "Esperamos que esta viaxe tamén traia visitas á cidade", aseguran.

Máis en A Mariña
Comentarios