miércoles. 04.08.2021 |
El tiempo
miércoles. 04.08.2021
El tiempo

As augas cántabras acollen unha nova edición da Travesía de Foz

undefined
Fran Cajoto, Francisco Javier Fanego, Alberto Burundarena e Nacho Romillo, o xoves na sede do Kaiak de Foz.

A competición foi presentada este xoves ante varios representantes do goberno local, e celebrarase o domingo coa participación de 500 persoas 

 

 

Coas augas do Cantábrico e do río Masma de escenario presentouse o xoves a edición número 59 da Travesía Ría de Foz de piragüismo, que se disputará o vindeiro domingo a partir das 11.30 horas. Trátase dunha das probas con máis soleira do panorama nacional que contará con máis de medio milleiro de deportistas e máis de 400 embarcacións.

A presentación tivo lugar na ría de Foz, preto das instalacións do club Kaiak local, que é o organizador. Ao acto asistiron o alcalde da localidade, Fran Cajoto, xunto a outro membro do goberno local, como o nacionalista Francisco Javier Fanego, tenente de alcalde. Xunto a eles estiveron tamén o presidente da asociación A Ribeira de Foz, Alberto Burundarena, e o presidente do club local e organizador do evento, Nacho Romillo.

FAVORITOS. Na proba participasen clubs de toda Galicia, pero tamén da veciña Asturias. De feito, os grandes favoritos para levar o título no k-2 sénior masculino son Miguel Fernández Castañón e José Julián Becerra, que hai dous anos, na última edición do Descenso do Sela, lográrono gañar, ademais de participar en competicións internacionais.

A entidade que máis deportistas achega é o Club Kaiak de Vigo, con 34 piragüistas, xunto co Club As Torres Romaría Viquinga, con 30. Por encima da vintena tamén virán o Cabanas KDM, Portonovo, Gorilas de Candás, Ensidesa, Club Naval de Pontevedra e Rías Baixas Boiro.

En canto aos clubs lucenses, participarán o Cidade de Lugo, con 24 piragüistas; o Viveiro Urban Hotel, con 12; o San Ciprián, con 3; o Fluvial de Lugo, con 4; o local Kaiak de Foz, con 6 e, para rematar, e co mesmo número de deportistas que os focegos, o Altruán de Ribadeo.

Entre as categorías que participarán na 59 edición da Travesía Ría de Foz están as de cadete, xuvenil, sénior, máster e absoluta. Os primeiros en tomar a saída serán os do K-2 mixto en categoría absoluta e os piragüistas de todas as idades terán que remar sobre un circuíto de 12.000 metros bastante esixente.

Outra cuestión importante a ter en conta será a climatoloxía. En principio, e a falta de dúas xornadas para que se dispute a competición, espérase vento do suroeste e unha probabilidade de precipitación do 30%, cun ceo con nubes e sol.

As augas cántabras acollen unha nova edición da Travesía de Foz
comentarios