O arrastre xa rexistra descartes de especies que non alcanzan a talla

Estes exemplares poden ser devoltos ao mar pero minguan cotas de pesqueiras como pescada e galo que precisa a flota

Descarga de caballa en Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Descarga de caballa en Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ

As embarcacións de arrastre de litoral na Mariña rexistran descartes de especies suxeitas a cota pero que non alcanzan a talla comercializable e que poden ser devoltas ao mar, aínda que previamente deben ser contabilizadas como cantidade desechable.

Estas capturas accesorias inciden na cantidade de cota de especies principais, como a pescada ou o galo. O patrón de pesca de Celeiro José Pino sinala que "a cota de galo por barco vén sendo un cuarto do que se necesita". Por esta razón, cada vez que hai que refugar capturas de talla inferior da permitida debe suplirse mediante intercambios, pero ademais agora a cantidade que se tira ao mar resta da cota dispoñible.

Os arrastreiros tamén están a localizar unha gran cantidade de raia, "pero a cantidade conxunta asignada ao Estado non chega para nada, pois esta especie é capturada por tódalas artes de pesca", explica Pino, quen ademais advirte de que unha gran cantidade de raia anotada e non pescada pode influír nas seguintes avaliacións que efectúen os científicos. Pensa que á vista da situación do caladoiro "hai moita máis raia da que se estima".

A flota mariñá de arrastre traballa de momento con normalidade seguindo as indicacións, aínda que no principio do ano as especies peláxicas aínda non iniciaron a súa migración, motivo polo que unicamente hai presenza de especies demersais nos fondos mariños. Os bancos de peixe son pequenos e aprovéitanse nesta época na súa totalidade.

Coas grandes migracións de peláxicos aparecerán os primeiros inconvintes para a flota, que ve como as súas cotas se reducen día a día ao ter que anotar todo o que non pode aproveitar para a venda. A aparición do lirio, o xurelo ou a xarda, que xa poderían aproximarse ao frontal da costa de Lugo durante o próximo mes, ofrecerán os primeiros datos sobre a incidencia da obrigación de desembarque dos descartes.

Máis en A Mariña
Comentarios