Arde un camión que levaba unha cisterna baleira na ponte de Lindín da A-8

A cabina quedou inservible e ardeu unha parte da cisterna que normalmente transporta alcatrán
El humo ocasionado por el incendio del camión se veía desde Mondoñedo. EP
photo_camera El humo ocasionado por el incendio del camión se veía desde Mondoñedo. EP

Un camión que levaba unha cisterna baleira resultou calcinado na tarde deste mércores. O lume queimou a cabina e unha parte da cisterna. O incendio produciuse cando o vehículo circulaba á altura do quilómetro 541 na Autovía do Cantábrico (A-8) na ponte de Lindín.

O incendio saldouse sen feridos. Ao parecer, o vehículo que normalmente transporta alcatrán, fora adquirido en Lugo por uns cántabros, quen o levaban á súa terra circulando en dirección Oviedo. O fume víase desde Mondoñedo, segundo apuntaron veciños da cidade episcopal.

Usuarios da vía alertaron ao 112 en Galicia, que comunicou a incidencia a conservación da autovía, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, a Protección Civil e aos bombeiros do parque comarcal de Barreiros, quen foron os encargados de realizar os traballos de extinción, aínda que non puideron salvar a máquina tractora.

Un guindastre ocupábase ás sete e media desta tarde da súa retirada, con apoio do resto de servizos de urxencia que interviñeron, para deixar expedita a autovía nese punto. 

NÉBOA. Doutra banda, a néboa dificulta desde as sete e cuarto da tarde a circulación pola A-8 entre os puntos quilométricos 536 e 552, en ambos os sentidos, ao ser reducida a visibilidade, segundo indica a DXT.