O árbitro de Ribadeo Menéndez Nistal ascende a Primeira

A noticia chega tras seis tempadas na categoría de prata do fútbol sala nacional
undefined
photo_camera Javier Menéndez Nistal. AMA

O árbitro mariñán Javier Menéndez Nistal é, desde este xoves, colexiado de Primeira División de  fútbol sala. O ribadense coñeceu a noticia e levou unha tremenda alegría. "É o froito ao traballo de moitos anos", di, satisfeito e orgulloso polo éxito logrado tras tantos anos de traballo nas canchas de fútbol sala.

Menéndez Nistal leva desde o 2006 no mundo da arbitraxe en fútbol sala e levaba seis tempadas na categoría de prata do fútbol sala nacional. "Non mo esperaba. É verdade que esta campaña que acaba de terminar pitei o segundo encontro do play off entre El Ejido e o Manzanares en Segunda, pero foi unha sorpresa", recoñece.

O ribadense ascende a Primeira División xunto ao seu compañeiro ourensán Vilas López e xa serán catro os galegos na elite do fútbol sala nacional, onde xa están Carreira Romeu, da Coruña, e Ferrero Carballal, de Pontevedra. Iso si, será o primeiro colexiado lucense na elite do fútbol sala nacional.

Con Menéndez xa son catro os galegos que se atopan na elite do fútbol sala nacional

Ademais deles dous, tamén ascenderon Peregrino Abdulay Endoho (A Rioxa), Manuel Barrilero Mohedano (Andalucía), Andrés Botella López e Francisco Castelo López (Murcia) e Samuel Gabaldón Rico (Valencia).

Ata agora, Menéndez Nistal pitaba en Segunda División e tamén en Primeira feminina, e podíaselle ver habitualmente en Vista Alegre arbitrando ao equipo feminino do Peixes Rubén FS.

"É un paso máis, e ves que todo o traballo que fixeches durante todos estes anos ten a súa recompensa", di o árbitro, que engade. "Foron anos de sacrificio; xa se que hai cousas máis sacrificadas que a arbitraxe, pero tamén é certo que deixas de estar tempo coa familia, de dedicarlle tempo a outras cousas, pero ao final obtés a recompensa", insiste.

Unha noticia que lle chega despois de que o mércores finalizase a Liga de Primeira. "Cando vexo os partidos velos doutro xeito, colles as cousas boas dos compañeiros, fíxaste moito", conclúe o ribadense, moi feliz polo ascenso.

Comentarios