Aprendendo cun coach

Medio cento de persoas participaron no Foro de Liderado, Motivación Persoal e Profesional organizado por Academia A Mariña en Burela

AAA
photo_camera Asistentes ao foro en Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Academia A Mariña de Burela puxo en marcha unha actividade pioneira na comarca co primeiro Foro de Liderado, Motivación Persoal e Profesional ao que acudiron ao redor de medio centenar de persoas. "Hai demanda deste tipo de formación", recoñece Raquel Hermida. "Eu mesma fun hai catro anos a Santiago ao primeiro curso sobre coaching e ves a oportunidade que representa e é unha pena ter que saír da comarca para poder ir a unha xornada como esta, así que decidimos traela".

E con acerto, porque a resposta foi moi boa. Entre os asistentes houbo bastantes empresarios —algúns deles cos seus traballadores—, empregados, estudantes, desempregados ou nais e pais. "É unha iniciativa pioneira e ademais hoxe en día todas as empresas queremos que os nosos equipos estean contentos e sexan proactivos, polo que é unha formación que ten reclamo neste sector aínda que está aberta a todo tipo de públicos", explica Hermida, que subliña que será unha iniciativa que se repita anualmente. Ademais, aquelas empresas que queiran solicitala de forma individual para levar a cabo nas súas instalacións ou ben se un grupo de empresas quere desenvolvela en conxunto, pódeno solicitar á academia e organízanlla.

Raquel Hermida recoñece que hai demanda desta formación e que se repetirá cada ano

Neste primeiro evento reuníronse tres coaches que pertencen ao International Coaching Community que abordaron tres temáticas distintas. Así, Mario López Guerreiro disertou sobre a comunicación e a xestión do tempo, Daniel Álvarez Lama sobre o xeito de liderar un equipo e Marcela Parga sobre a conciliación e o rendemento laboral. Unha vez terminadas as charlas conxuntas, cada un dos coach impartiu un taller. "Cada participante puido elixir en cal dos tres talleres quería participar e foi un ensino máis individualizado", explicou Hermida, que tamén subliñou que na pausa entre as conferencias levou a cabo un networking entre participantes e coaches para intercambiar opinións.

Comentarios