Aparece en Outeiro de Rei un camión que roubaron dun almacén de Barreiros horas antes

A uns 8.000 euros crese que poden ascender os danos

Unha empresa de Barreiros, dedicada ao almacén e repartición de pensos, sufriu na noite do pasado sábado un roubo case de película, xa que os ladróns accederon á nave, situada a pé de estrada, rebentando os bombines de seguridade da porta principal. Unha vez dentro, romperon dúas portas máis e, na oficina, arrincaron a caixa rexistradora co moble no que estaba inserida,  na que apenas había diñeiro, só algo de cambio, provocando numerosos danos, aínda que o peor estaba aínda por vir, pois na súa fuxida, os cacos levaron un camión de repartición que quedara limpo e preparado para iniciar o luns o traballo.

Un panorama desolador, do que se decatou o dono do negocio, que o xestiona desde primeiros de ano, cando por casualidade se achegou na mañá do domingo ata o almacén. Ao pouco tempo, notificáronlle que o vehículo estaba aparcado nas inmediacións do polígono industrial de Outeiro de Rei, aínda que presentaba serios danos e sospéitase que se meteron con el por pistas, xa que estaba manchado de terra e calcula o dono que percorrerían con el uns 150 quilómetros.

A uns 8.000 euros crese que poden ascender os danos só no camión, no que tamén había unha riñonera con diñeiro en efectivo para iniciar o traballo a principios de semana, “un bo belisco” co que a xogada lles saíu perfecta aos ladróns, que encima tiveron o sangue frío de deixar a porta principal pechada tras saír co camión roubado.

O empresario tratou de onte de traballar coa máxima normalidade, aínda que foi imposible, porque nun momento os ladróns terminan co esforzo de moitos días para tratar de sacar adiante o negocio. Unha firma da que non levaron nin ordenadores nin impresoras, polo que se sospeita que buscaban diñeiro en efectivo; o que se descoñece é se o roubo do camión estaba previsto ou foi maquinado sobre a marcha.

O afectado presentou denuncia ante a Garda Civil, que investiga o caso.