Rosa Cedrón: "Ao público tes que darlle algo que o emocione, que o faga sentir"

O concerto da cantante Rosa Cedrón, acompañada do pianista Miguel Arthus, abre as festas patronais de Burela 

aaaa
photo_camera Rosa Cedrón, nun concerto do San Froilán. VICTORIA RODRÍGUEZ

A vocación pola música de Rosa Cedrón (Monforte, 1972) venlle de familia. Con só 8 anos empezou a interesarse polo mundo musical e aos 10 descubríu a súa gran vocación: o violonchelo. Despois de ser a voz e a cara visible de Luar na Lubre, en 2005 comezou a súa carreira en solitario e gravou dous discos Entre dous mares e Nada que perder, aos que logo se lles sumará un terceiro. O concerto que dará o sábado, ás nove e media da noite no auditorio da casa da cultura de Burela xunto ao pianista Miguel Arthus, abrirá as festas patronais da localidade.

Como será a actuación que se poderá ver en Burela?
Será un percorrido por 20 anos de carreira. Haberá temas de ‘Entre dous mares’ e de ‘Nada que perder’ e tamén temas da época de Luar na Lubre e algunha versión. Ademais xa estamos traballando no vindeiro disco e tamén me gusta ir presentando algunhas das composicións que formarán parte del, polo que algunha haberá. Será un concerto moi emocional, de compartir co público que o que me gusta.

Para cando ese novo disco?
Aínda lle estamos dando forma, polo que non sei cal será o resultado final. Son moito de deixarme levar, non me gusta forzar nada, sobre todo na música porque penso que é un ser vivo que evoluciona e nunca sabes como vai acabar porque che vai pedindo cousas. Os meus traballos sempre son moi intuitivos por iso tamén no mesmo disco se poden encontrar temas moi distintos.

O compoñente común a todos os meus traballos é a miña voz e a miña maneira de cantar e de sentir

Pódese dicir entón que os seus traballos son moi diferentes entre si?
O compoñente común a todos é a miña voz e a miña forma de sentir e de cantar e o que os diferencia é a envoltura. O primeiro traballo é máis acústico, aínda que hai algún tema con compoñente electrónico e o segundo, aínda que conserva a mesma esencia e tamén é moi versátil con moitos estilos, ten un aspecto máis moderno, con máis electrónica e tamén máis arriscado.

Ten colaboracións con distintos artistas, gustaríalle facer algunha en particular?
Todas as colaboracións que fixen foron de xeito natural. Gústame colaborar cos meus compañeiros. Agora acabo de participar no novo disco de Lucía Pérez e no de Son de Seu.

Participar nun Tubular Bells con Mike Oldfield é unha desas experiencias que agradeces toda a vida

É a única artista española que colaborou con Mike Oldfield.
Participar nun Tubular Bells foi unha desas experiencias das que estás agradecida toda a vida.

Resulta complicado ter éxito hoxe no mundo da música?
É complicado chegar, pero manterse creo que aínda o é máis. Hai moitos ingredientes no triunfo dun artista, pero o principal é o público. Estamos aquí por e para el, senón deixas de existir como profesional da música. Penso que o segredo para conectar con el é a honestidade e en dar todo no escenario. Tes que darlle algo que o emocione, que lle faga sentir.

Que ten de especial a música galega?
A música galega cheira a Atlántico, a mar, a verde. Ten maxia. Temos unha esencia moi particular, un pouco parecida á música irlandesa. É unha música moi emocional, moi da terra, moi de raíz, independentemente dos diferentes estilos.

A música galega é moi emocional, independentemente do estilo

Resulta máis complicado triunfar coa música galega fóra?
Fóra escóitana sen perxuízos, non lles importa non entender o que estás dicindo porque o vehículo é a música e valoran iso. O que é complicado é saír pero unha vez que o fas decataste de que a música galega é moi valorada e desfrutase moito.

Que é para vostede a música?
Todo. O sangue que me corre polas veas.

Unha curiosidade, por que elixiu o violonchelo?
Na serie ‘Fama’ había unha violonchelista e chamoume poderosamente a atención. Decidinme e debía ser un camiño que estaba escrito porque me adaptei moi ben ao instrumento.

Máis en A Mariña
Comentarios