A ambición e o soño

Juanma Marrube emprendeu un novo reto  no FS Talavera avalado polo apoio da súa familia e o seu afán de crecemento 
Juanma Marrube. AEP
photo_camera Juanma Marrube. AEP

É MEDIA mañá. Juanma Marrube (Alfoz, 1979) acaba de terminar a sesión de adestramento co FS Talavera. Leva tres meses no exilio, a 600 quilómetros de casa. O soño de ser adestrador profesional afástalle de Burela. O apoio da familia é a pértega na que se apoia para saltar e non dubidar. Non mirar atrás.

Antes de tomar a decisión quíxoo falar de portas para dentro, na súa casa de Burela. "Foi unha decisión concienciada", di Juanma Marrube. "Falei coa miña muller, os nenos, os meus sogros, e apoiáronme, así que eu podo estar tranquilo", advirte o adestrador, que ten dous nenos, Gabriel, de 10 anos, e Jimena, de 4.

"Saímos fortalecidos como familia", sentenza. Cando chegou en plena canícula a Talavera, encaixouse coa calor seca do centro peninsular. "Cando veu a miña familia a verme díxenlles: preparádevos, isto non é broma, 42, 43 ou 45 graos, ¡é esaxerado!", recorda. "Teño unha foto no coche onde marcaba 50 graos, como no Sahara", advirte.

A súa familia xa visitou a Juanma varias veces no seu novo destino laboral. "O bo é que Talavera está ben comunicada, podes achegarche a Madrid, podes ir a sitios da Ruta da Prata... e tes unha serie de alternativas que en Burela non tiñas", explica o técnico.

¿Pero como é o día a día de Juanma Marrube en Talavera? "Os do corpo técnico comemos nun restaurante que se chama Jauja todos os días, onde nos dan un trato exquisito, e son uns afeccionados máis", explica, e engade que "os xogadores xantan noutro, a Comanda".

"Vivo nun piso co segundo adestrador, e imos do pavillón a casa e de casa ao pavillón", detalla. ¿E cando vai a súa familia? "A xente do club déixame unha casa e quédome aí con eles", di.

O que non perdeu Juanma é a súa afección polo deporte. "En pretemporada podía saír pouco pola calor, pero agora quedo os luns e os mércores cun directivo, Murillo, que fai maratóns, e ensinoume sitios moi bonitos para correr, por un encoro, por camiños de terra, outro percorrido por unha zona de piñeiros e ocasionalmente tamén fago algo de ximnasio", asegura e subliña que "co deporte oxigeno a mente". 

Nesas condicións, o traballo físico da pretemporada "había que telo liquidado antes das 10.30 horas, logo era imposible". Os adestramentos no pavillón, con aire acondicionado, é distinto, "e acordamos facelos ás 18.00 horas, porque en lugares pechados non afecta tanto a calor".

Na parte deportiva, o FS Talavera comezou con bo pé a liga. Pero o obxectivo de club non é tanto a nivel clasificatorio como a nivel estrutural, dar un paso máis cara ao profesionalismo. E aí é onde captaron a Juanma. "Fomos mellorando cousas nestes dous meses. Todos os xogadores viven en Talavera e son profesionais, e antes non pasaba iso. Fomos mellorando a engrenaxe, dando pasos", sinala.

Pero a pesar de non advertir unha urxencia clasificatoria, a todo deportista que compite gústalle gañar. "A nós non nos gusta regalar ningún partido. Imos á final cinco agora. Xogamos catro finais e o sábado temos a seguinte e non queremos deixar escapar ningún partido para seguir crecendo", di Marrube, alimentando o mantra do partido a partido do ‘Cholo' Simeone.

"Queremos ter ese carácter competitivo, ese ADN gañador, e imos estar atentos, porque se gañamos moitas desas finais presentarásenos unha oportunidade de loitar por nbsp;algo&", explica.

En canto ao persoal, a alfocesa conta con vellos coñecidos da afección mariñá, como o porteiro Álex Perez ou Porto, ademais doutros, como Dani Montes, que xogaron no Parrulo ou Santiago Futsal.

"Temos un equipo cun prototipo de xogador novo e outros con máis experiencia; nestes sesenta días o equipo creceu en empaquetado, e os xogadores tamén, e teñen moito marxe para seguir mellorando", di.

No tema persoal, Juanma Marrube ten as ideas claras. "Teño moi claro ao que aspiro como adestrador, o que quero conseguir", di e argumenta que "isto apaixóname. Gústame estudar moito este deporte, tamén estudo outros deportes para sacar cousas e creo que estou nun proceso constante de transformación e de crecemento". "Creo que podo ter unha carreira de adestrador; xa cando era xogador quería ser adestrador, tíñao moi claro", di.

Nestes momentos, empezando unha nova etapa á fronte dun novo equipo, Marrube se sincera: "Miro atrás e hai catro anos adestraba en Burela e penso onde estarei en cinco ou seis anos".

Vínculos: o carné de socio do Burela FS
Hai dúas semanas, o FS Talavera xogou de visitante en Ferrol. Juanma Marrube aproveitou para quedar algúns días en Burela e sacarse o carné de socio do Peixes Rubén FS. "Teño contacto con xente porque son amigos, como Afonso, Miguel ou Javi Couce e con moitos empregados", di.

Coa directiva Mantén o trato coa directiva. «Si, falei con eles por mor da cesión de Porto e hai boa relación", desvela, "cos xogadores estou en contacto, felicítanme polos meus triunfos e eu a eles, e incluso quedamos a tomar un café cando estou por aquí".

Comentarios