Aluminio de San Cibrao baixa a intensidade en electrolisis un 5% e reduce a produción

A empresa trata de mellorar os seus resultados; a medida non afecta aos postos de traballo

La planta de Electrolisis de Alcoa en San Cibrao. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera A planta de Electrolisis de Alcoa en San Cibrao, coas cubas á esquerda, en foto de arquivo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A dirección da planta de Aluminio comunicou ao comité de empresa que reducirá un 5% a intensidade nas series electrolíticas, o que "non afecta aos postos de traballo", segundo lles dixeron. A empresa explica que "ten que reducir os seus custos enerxéticos e mellorar os seus resultados", polo que opta por reducir a intensidade das liñas de electrolisis. Lembra que se ve afectada polas "difíciles condicións do mercado", xa que o prezo internacional do aluminio "está moi baixo", e polo prezo enerxético en España, que segue moi elevado.

Engade que "non vai ter impacto no emprego" pero espera que o Goberno proporcione "canto antes" a solución que precisa a industria do aluminio primario. Actualmente só se produce en San Cibrao e a fábrica continúa a súa senda de perdas.

O comité di que baixaron os pedidos de placa e iso suporía incrementar a produción do lingote T, "o formato menos rendible dos tres que se poden producir en San Cibrao". Así, o obxectivo do axuste é "minimizar as toneladas do lingote T" e "deixar de importar ánodos a prezo superior aos producidos no departamento de Electrodos, co que tamén se aforraría no sobrecusto dos mesmos".

O comité di que a intensidade pasará de 169.000 a 160.000 amperios no segundo semestre do ano e "suporá algo menos do 2,5% no cómputo anual". O proceso de baixada durará un mes pero non se sabe canto tempo se manterá a redución despois, "como mínimo ata fin de ano".

Comentarios