Alfredo Llano: "Trataremos de facer un pleno en abril para abordar os orzamentos"

O rexedor socialista burelés confía en que pouco a pouco se vaia normalizando a situación e con ela a vida municipal e agarda poder convocar a sesión o 16 do mes vindeiro, ben sexa presencial ou telematicamente.
 
El alcalde burelés, Alfredo Llano. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera El alcalde burelés, Alfredo Llano. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A pandemia sanitaria paralizou a vida municipal, que será necesario normalizar cando remate o estado de alarma, marcado inicialmente para o 11 de abril. Uns días despois o alcalde burelés, Alfredo Llano, agarda poder convocar unha sesión plenaria para abordar cuestións tan primordiais como os orzamentos.

E se non se pode celebrar habilitarán alternativas?
Miraremos de facelo telematicamente, pero a idea é poder facelo presencial gardando as distancias e sen público. Aínda sería para o mes que vén, pero creo que é necesario normalizar a situación actual ao máximo posible en canto remate a corentena. O estado de alarma remataría en principio o 11 de abril e o que propoñemos é facer o pleno o 16, porque xa tocaba o ordinario o pasado xoves e temos que abordar temas importantes, coma os orzamentos ou a axdudicación da empresa do lixo, ademais doutras cousas triviais.

O que non pararon nestes días foron obras tan importantes como a humanización de Rosalía de Castro, que está case rematada, non si?
Rematáronse onte as beirarrúas, pero falta botarlle o asfalto, algo que non se vai poder facer polo de agora derivado xustamente do estado de alarma que se non fora por iso, faríase; os coches van poder seguir pasando, pero non estará permitido o estacionamento. É unha rúa que vai gañar moito. 

E tamén a Rúa do Hórreo, nunha zona case por descubrir. 
Estes traballos están tamén practicamente rematados, aínda que nos falta o alumeado. Penso que quedou un espazo moi agradable, cun miradoiro sobre o porto, que esperemos que cando pase todo isto a xente poida desfrutalo, tanto os nosos veciños como os que veñan de fóra.

Burela foi un dos primeiros concellos en sumarse ao Quédate na Casa, pero tamén dos que creou un comité de seguimento da crise co resto de forzas políticas. 
O do vídeo sacámolo xa o día 13 para animar á xente a non saír e a verdade é que sorprendeu moito porque implicamos a moita xente e, dúas semanas despois, reafirmámonos no mesmo e pedimos á xente responsabilidade e que non saia, porque é a única maneira de parar todo isto. Ademais, por iniciativa do noso partido convocamos ao resto dos grupos ao comité de seguimento, porque aquí non se trata de posturas políticas, senón dun problema común e nos xuntamos para abordar as medidas a tomar.

Medidas entre as que destaca algunha tan impactante como o taller de costura de mascarillas. 
A colaboración foi extraordinaria e xuntamos medio cento de costureiras facéndoas nas súas casas e teño claro que o mellor que imos sacar desta crise é a solidariedade. O que tratamos sempre dende o Concello de Burela foi de anticiparnos, de que non faltase o esencial e de minimizar o contaxio, pois debemos evitar que o virus se expanda e para iso estamos traballando tanto na proteción persoal como sanitaria. Tamén temos en marcha unha rede de voluntariado e contamos cun servizo para axudar á xente maior, con mobilidade reducida ou grupos de risco para llevarlle ata a casa a compra e as menciñas que precisen.

Que outras cousas están a facer?
Falei con varios hoteis de Burela por se fixese falta axuda para aloxar persoal sanitario para que non teñan que desprazarse e pareceulles unha boa idea e se prestaron. Tamén estamos a mirar se é posible contratar a dous auxiliares para reforzar o plantel da Policía Local e estamos barallando ver se se pode cambiar de data o encontro dos maiores que faciamos no mes de maio e que este ano non se vai poder facer nesas datas, polo que temos que mirar se hai outras que encaixan.

Comentarios