Alfoz estrea club de lectura para persoas adultas

A iniciativa, que conta con quince inscritos, estenderase á proxección de películas ou excursións
lectura
photo_camera Selfi dos participantes na reunión inaugural do club de lectura. AMA

O municipio de Alfoz estrea club de lectura para persoas adultas, ao que xa se anotaron quince persoas, aínda que é probable que a cifra se incremente debido ao interese que está a suscitar, polo que animan aos interesados a sumarse á iniciativa. Os que o fagan a partir de agora terán que incorporarse á lectura do segundo libro, pois para este primeiro mes xa está repartidos os exemplares da obra que escolleron para inaugurar a actividade, As pegadas indelebles, de Camila Läckberg.

Unha novela policíaca que conta a vida dunha moza na Suecia de 1940, un feito que lles servirá de escusa para disertar sobre o país ou acompañar o café das reunións con bolos de canela ou pastas de xenxibre, pois o que se busca desde o inicio con esta actividade é que sexa algo máis que compartir faladoiros sobre unha lectura.

Por iso, ademais das conversas e as degustacións prevén a realización de actividades complementarias, como o visionado de películas sobre a obra ou relacionadas e incluso excursións a lugares que saian nos libros.

A elección das obras depende do fondo da Biblioteca de Galicia, onde solicitan os préstamos, co fin de que os usuarios non teñan que facer ningún desembolso para a compra dos libros, o que lles obriga tamén a non demorarse máis dun mes na súa lectura.

Por iso, as reunións para a posta en común fixáronse cunha periodicidade quincenal, marcándose o 5 de febreiro a primeira, continuando en semanas alternas. As reunións serán na biblioteca ás sete da tarde.

Para as seguintes lecturas proporanse libros de xéneros diversos, co fin de ir cumprindo os gustos de todos os socios e gañar en dinamismo.

Máis en A Mariña
Comentarios