Os alfombristas burelenses poñen en marcha a asociación Burela Floral

O colectivo, aberto a quen desexe adherirse, está formado polo momento por dez persoas
aaaa
photo_camera Un tramo da alfombra floral de Burela. JM PALEO (AMA)

Os alfombristas de Burela están a ultimar os detalles para poñer en marcha a asociación cultural Burela Floral, coa que pretenden dar visibilidade á confección da alfombra, que é unha das marcas de identidade das festas patronais. "O obxectivo principal co que nace esta asociación é o de que non se perda a tradición de elaborar a alfombra e tamén concienciar a xente de que é precisa axuda para a súa confección, xa non tanto o día da elaboración que sempre contamos con xente, senón nos preparativos previos de preparar a flor e as plantillas, para os que sempre temos problemas para ter voluntarios", explica Martín Lestao.

Polo momento, o colectivo está integrado por dez persoas, dúas por cada un dos tramos nos que se divide o tapiz floral: o da igrexa, o de Toxeiro, o de Pachó, o do Concello e o do porto. "A asociación está aberta a todas as persoas que queiran entrar para colaborar na alfombra e en poucos días faremos unha presentación oficial do colectivo para dálo a coñecer e iniciar unha campaña de captación de socios", asegura Lestao, quen engade que ademais de traballar na alfombra burelense tamén teñen previsto facer divulgación da tradición e organizar talleres, entre outras actividades.

A alfombra deste ano estará baseada nunha temática moi vinculada á localidade

Para facerse socio haberá que achegar unha cota, "unha cantidade mínima", para contribuír na confección do tapiz, "porque toda a elaboración costa un diñeiro que imos recadando coas axudas do Concello, da comisión de festas ou dos petos que colocamos polos establecementos e outros donativos e se a maiores queremos facer outras actividades precisamos financiamento".

Coa posta en marcha de Burela Floral, os alfombristas culminan unha aspiración na que levan traballando desde hai tempo para manter unha tradición arraigada na localidade e que xa difundiron por distintos lugares. "Xa participamos en varios encontros en Santiago, en Bueu ou en México e este ano tiñamos a posibilidade de viaxar a Tokio en maio, pero coincidía coa nosa alfombra e non puido ser", explica Lestao, que destaca que estas viaxes son "un intercambio de culturas e de saberes".

Con respecto á alfombra que lucirán este ano as rúas de Burela, Lestao asegura que a temática xa está practicamente pechada e que "está moi relacionada co pobo e creo que vai dar moito que falar", aínda que sen desvelar nada máis.

Comentarios