O estatuto electrointensivo impón a rebaixa de emisións e garantir emprego

Alcoa di que as medidas son insuficientes e pon en risco a viabilidade da planta de aluminio de San Cibrao

Planta de fabricación de aluminio de Alcoa en San Cibrao. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Entrada ás instalacións de Alcoa en San Cibrao. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Os ministerios de Industria, Comercio e Turismo, e de Transición Ecolóxica abriron este luns a consulta pública do borrador de estatuto para os consumidores electrointensivos, que impón obrigacións e compromisos ás empresas en eficiencia enerxética, I+D+i, substitución de fontes contaminantes e mantemento de emprego para optar aos mecanismos de redución de custos. Alcoa considera insuficientes as medidas "pola importante diferenza no custo da enerxía respecto dos competidores e a falta de garantía respecto da compensación por non emitir CO2".

O proxecto de real decreto, que admite alegacións ata o próximo día 27 na dirección [email protected], cumpre o mandato dado ao Goberno central para que en seis meses elaborase e aprobase devandito documento, dirixido ás empresas para as que a electricidade representa unha porcentaxe moi elevada dos seus custos de produción. O obxectivo é potenciar a competitividade, o crecemento e o mantemento, así como a xeración de emprego de calidade.

Os mecanismos de apoio son a exención de pagos por capacidade -100% para os consumidores interrumpibles e do 70% para o resto-, a compensación de custos indirectos por emisións de gases de efecto invernadoiro, novos coeficientes de perdas de enerxía imputables que resulten do estudo que en seis meses fará o operador do sistema eléctrico (REE), o fomento da contratación bilateral a longo prazo e a exención do pago do servizo de xestión da demanda de interrumpibilidade aos provedores efectivos.

O estatuto tamén impón obrigacións, como dispor dun sistema de xestión da enerxía auditado e certificado no prazo de dous anos, implantar medidas de mellora da eficiencia enerxética viables e derivadas da auditoría polo menos cada catro anos, manter a actividade produtiva polo menos outros tres anos a partir da data de concesión dos mecanismos de axuda, salvo en determinadas situacións de crise empresarial, e acreditar no prazo dun ano a contratación de polo menos un 10% do consumo anual de electricidade mediante instrumentos a prazo cunha duración mínima de tres anos.

INSUFICIENTE. Pola súa banda, a multinacional Alcoa afirma que o borrador "non achega a solución que a industria do aluminio primario en España necesita para a súa sustentabilidade. As medidas que se propoñen son insuficientes, xa que manterían un significativo diferencial no custo de enerxía respecto dos nosos competidores e, doutra banda, son incertas, xa que nin sequera hai garantía sobre a aplicación efectiva da medida máis relevante, que é a compensación de custos indirectos de CO2", recalcan desde a firma.

Alcoa entende que se as medidas se limitan ao que recolle o borrador, "estas poñen en risco a viabilidade da planta de aluminio de San Cibrao", única instalación que mantén a produción de aluminio primario en España na actualidade, que pechou 2018 con 49 millóns de perdas, cifra que podería dobrar este ano. Por contra, a planta de alúmina obtivo 87.510 euros despois de impostos en 2017 fronte aos 7.018 euros de perdas de 2016.

Comentarios