Alcoa recoñece que a situación da planta de San Cibrao é "crítica"

O presidente da compañía defende que se manteñen os "problemas estruturais no marco enerxético e a sobrecapacidade da planta"
Factoría de Alcoa, en San Cibrao.JMª ÁLVEZ
photo_camera Factoría de Alcoa, en San Cibrao.JMª ÁLVEZ

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao informou de que o presidente da multinacional en España, Álvaro Dorado, recoñeceu nunha reunión telemática que mantivo este xoves cos representantes dos traballadores que a situación da fábrica mariñá é "crítica" nestes momentos, por mor dos "problemas estruturais no marco enerxético e a sobrecapacidad da planta".

O presidente de Alcoa España explicou que eses problemas "non se solucionaron" e incluso se viron agravados polos baixos prezos do aluminio no mercado e a baixa demanda do produto".

En canto á decisión de non realizar o proceso de rebrascaxe das cubas, que consiste na reparación daquelas unidades que chegaron ao final da súa vida útil, Alcoa defende que "as medidas adoptadas nas plantas a nivel global" son debidas "á necesidade de paliar o impacto da crise" provocada pola "pandemia do Covid-19", explica o comité nun comunicado, "mantendo a liquidez".

De feito, a multinacional calcula que as perdas chegarán aos "50 millóns de dólares por planta no exercicio deste ano".

"Nin sequera o compromiso da Xunta de apoiar o investimento do gas, cun 30% do custo total", precisa o comité, o que suporía un aforro moi superior "á medida anunciada" pola dirección de Alcoa, conseguiu que a multinacional dea marcha atrás na súa decisión, que afecta directamente aos empregados das auxiliares que se ocupaban dese traballo.

"Ademais, Alcoa reitera a falta de compromiso do Goberno para dar solución ao problema estrutural do marco enerxético", precisa o comité, porque "co estatuto electrointensivo, tal e como o presentou", o prezo neto do MW/hora non baixaría de 47 euros. Un prezo que "fai que a produción de aluminio primario na nosa planta sexa inviable", engade.

Por iso, o órgano de representación dos traballadores opina que tanto o Goberno como Alcoa volvéronlle a dar as costas á fábrica de San Ciprián e acusa á multinacional de falta "de compromiso" cos propios empregados da factoría, tanto cos de persoal, como cos temporais e cos de empresas auxiliares.

En canto ao Goberno, opina que "demostra o seu desprezo cara á industria ao non tomar ningunha medida que regule o prezo da enerxía".

O comité solicitou unha reunión da Mesa Multilateral de Alcoa e pedirá un encontro co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para que, "dada a falta de lealdade" da empresa cos traballadores e coa comarca da Mariña, vincule "a axuda do 30% ao investimento do gas ao mantemento da actividade produtiva e o rebrascaxe de cubas". 

Comentarios