Alcoa perdeu 36 millóns no terceiro trimestre

No mesmo período de 2017 a multinacional obtivera 98 millóns de beneficio

Vistas de Alcoa. AEP
photo_camera Vistas de Alcoa. AEP

Alcoa, o maior produtor estadounidense de aluminio, rexistrou perdas por importe de 41 millóns de dólares (36 millóns de euros) no terceiro trimestre do ano, fronte ao beneficio de 113 millóns de dólares (98 millóns de euros) correspondente ao mesmo período de 2017, segundo informou a empresa, que anunciou a súa intención de pechar as súas plantas de Avilés e A Coruña, polo que se verán afectados un total de 686 traballadores. 

Os resultados de Alcoa no terceiro trimestre reflicten un impacto negativo de 160 millóns de dólares (139 millóns de euros) por elementos atípicos, sen o que o beneficio neto axustado da multinacional sería de 119 millóns de dólares (103 millóns de euros), un 11,8% menos. 

A facturación do fabricante de aluminio entre xullo e setembro alcanzou os 3.390 millóns de dólares (2.949 millóns de euros), un 14,4% por encima dos ingresos dun ano antes, mentres que a compañía asumiu un impacto negativo de 177 millóns de dólares (154 millóns de euros). Deste xeito, nos nove primeiros meses do exercicio Alcoa obtivo un beneficio neto atribuído de 184 millóns de dólares (160 millóns de euros), o que representa un descenso do 55,4% en comparación co mesmo intervalo de 2017, mentres a súa cifra de negocio creceu un 18,6%, ata 10.059 millóns de dólares (8.751 millóns de euros). 

A multinacional revisou á baixa a súa previsión da demanda mundial de aluminio en 2018, que agora sitúa entre un 3,75% e o 4,75%, fronte á anterior pinza de entre o 4,25% e o 5,25%, pola situación en China. 

Alcoa anunciou a súa intención de iniciar un período formal de consultas para levar a cabo un despedimento colectivo nas súas plantas de Avilés e A Coruña, polo que se verán afectados un total de 686 traballadores, tras proceder ao peche destas fábricas debido " súa improductividade".  Segundo a compañía estadounidense, trátase das plantas menos produtivas do grupo debido a problemas "estruturais intrínsecos". Alcoa iniciará un período de consultas cos representantes dos traballadores cunha duración máxima de 30 días naturais. 

Desta forma, Alcoa concluíu que o peche das plantas de Avilés e A Coruña poderá xerar unhas melloras organizativas mantendo a produción nunha soa planta en España, a de San Cibrao, tamén en Galicia, onde se produce tanto aluminio como alúmina. 
 

Comentarios