Alcoa mantén firme a súa intención de pechar Aluminio e inicia o 25 a negociación do Ere

O comité ve "falta de vontade" e "un paripé" ao considerar que a empresa tiña a decisión tomada desde o principio
El presidente del comité de Alcoa. VICTORIA RODRíGUEZ
photo_camera O presidente do comité de Alcoa. VITORIA RODRíGUEZ

As esperanzas do comité de que Alcoa presentase algunha alternativa na reunión deste mércores en Lugo diluíronse pronto, pois a multinacional anuncioulle a súa intención de iniciar o vindeiro xoves 25 o proceso formal de consultas para o despedimento colectivo de 534 traballadores da súa planta de aluminio primario. Isto supón practicamente o peche, ao prescindir da fabricación do metal e conservar só unha parte da fundición. Os sindicalistas acusan á empresa de falta "de vontade" e de enganarlles estas tres semanas ao considerar que a decisión de aplicar o Ere estaba xa tomada de antemán. Tamén censuran que a empresa non espere a abordar o asunto na mesa multilateral, convocada con Xunta e Goberno para o vindeiro martes 23.

O martes celébrase a mesa multilateral con Xunta e Goberno, na que a compañía tamén ten previsto estar

Os representantes dos traballadores teñen agora un prazo de sete días para designar aos membros da comisión representativa que participarán nas negociacións do período de consulta formal, que durará 30 días. Desde a empresa din que durante este período "continuarán as consultas cos representantes dos traballadores co propósito de lograr o mellor resultado posible para ambas as partes" e engaden que non se adoptará ningunha decisión final ata que non se complete este proceso".

Nesta cuarta semana de consultas —iniciadas o 28 de maio— cos representantes sindicais a multinacional ten previsto seguir informándolles "das graves circunstancias e da situación insostible pola que atravesa a planta de aluminio", que segundo recordan "afronta unha serie de problemas que fixeron que a produción de aluminio sexa inviable e a operación da planta non sexa competitiva, e que causaron significativas perdas recorrentes, que se prevé que continúen". Este xoves tiñan convocado un novo encontro.

Os representantes sindicais levantáronse onte da reunión no restaurante Los Robles de Lugo ao ver que Alcoa presentaba directamente o Ere. "Sentámonos na mesa, pedímoslles un receso para pór en común entre o comité as solucións que tiñamos para esta reunión e para falar da mesa multilateral que vai haber o 23 e a empresa xa nos comunicou que abría o proceso formal do Ere. Vai a feitos consumados", lamentou o presidente do comité, José Antonio Zan, para quen "non ten sentido que nos chamen para buscar solucións e non nos dean ningunha, se non todo o contrario. O único que estiveron facendo é enganarnos durante tres semanas e facernos perder o tempo para despois vir e plantar un proceso formal do Ere encima da mesa", explica.

MARTES. O comité pola súa banda solicitou retirar o expediente e emprazar aos directivos de Alcoa a falalo o 23 na reunión telemática da mesa multilateral, cuxa convocatoria lles confirmaron onte pola mañá coa participación da Xunta e o Goberno central e á que Alcoa tamén ten previsto acudir.

"Iso é o que ten que facer, mentres tanto non temos nada que falar con eles porque é vergoñoso como se comportaron, nin sequera esperaron a que tivésemos asinado o recibín do Ere para anuncialo aos traballadores", di en alusión a un email do presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, que recibiu o persoal ás once da mañá cando os representantes sindicais aínda estaban en Lugo.

Este feito constitúe para Zan unha "mala fe clarísima" por parte da empresa: "Está claro que o que fixeron é un paripé en todo este tempo de negociación", sostén. O comité insiste en que o lugar no que se teñen que buscar solucións é a mesa multilateral, onde "as administracións teñen que dar un marco enerxético estable" e a empresa habería de abandonar "esta medida unilateral e sentar a negociar e a buscar solucións de boa fe", unha finalidade que crían que era a que tiña a reunión deste mércores, pero a compañía "rebentouna á primeira hora", en palabras de Zan.

O colectivo sindical espera que as administracións poñan do seu parte e segundo o seu presidente "agora a pelota está no tellado do Goberno centra"», despois de que a Xunta lles anunciase a súa intención de facilitar fondos para modernizar a fábrica.

"Falta que o custo enerxético, que supón o 40% do de produción, sexa viable e competitivo", dixo. Tamén recordou á ministra de Industria de que non teñen tempo "para poder sobrevivir" se se espera ao final do verán para a aprobación do estatuto enerxético. O comité demanda mentres tanto unha poxa favorable e as axudas por CO2..

Álvaro Dorado: "Pedímosvos que continuedes priorizando a seguridade"
O presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, pide aos traballadores que prioricen a seguridade na fábrica. "Mentres iniciamos este proceso e durante toda a súa duración, pedímosvos que continuedes priorizando a seguridade. Debemos manter a nosa responsabilidade e compromiso persoal para garantir que todos regresemos a casa coas nosas familias sans ao final de cada día", di nun correo electrónico aos traballadores.

SITUACIÓN. Antes informa aos "estimados empregados" do inicio do proceso de consultas para o Ere co obxectivo "lograr o mellor resultado posible para ambas as partes".

 

Lamenta que Alcoa se negue a esperar polas medidas no prezo eléctrico
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que asiste como asesor ás reunións, di que, coa presentación do Ere, Alcoa "demostra a nula vontade de buscar unha saída e rebenta calquera solución que lle estabamos a formular" sobre como abordar co Goberno a aprobación de medidas inmediatas para rebaixar o prezo eléctrico e crear un marco estable.

INTERVENCIÓN. Ante esta situación "e a negativa de Alcoa a agardar polas medidas gubernamentais", a CIG insiste na urxencia de iniciar xestións para unha intervención pública.

Comentarios