Alcoa envíalle ao comité unha proposta para pechar "un acordo"

Maroto pediu á empresa e aos sindicatos "altura de miras" para que se poida culminar un acordo que garanta o futuro para a planta de San Cibrao
Vista de la factoría de Alcoa en San Cibrao. J.Mª ALVEZ
photo_camera Vista da factoría de Alcoa en San Cibrao. J.Mª ALVEZ

Alcoa informou de que xa lle enviou ao comité de empresa de San Cibrao unha proposta coa que aspira a chegar a un acordo coa representación dos traballadores "canto antes".

Esa proposta foi remitida logo de analizar a contraproposta presentada polo comité a finais da semana pasada, na que a representación dos traballadores formulaba a posibilidade de chegar a un acordo para levantar a folga indefinida se a multinacional accedía a negociar, entre outras condicións, a venda das plantas de alúmina e de aluminio que forman o complexo mariñán.

"A empresa enviou ao comité unha proposta que respecta os puntos acordados nas conversacións telemáticas da semana pasada, de forma que se poida alcanzar un acordo canto antes", informaron este luns a Efe fontes da propia compañía.

Un acordo, subliñan as mesmas fontes de Alcoa, para explorar "de novo a venda da planta de aluminio primario á Sepi, a folga déase por terminada e o proceso poida desenvolverse nun ambiente de normalidade e paz social".

"ALTURA DE MIRAS". A ministra de Industria, Turismo e Comercio, Reyes Maroto, pediu a Alcoa e aos sindicatos "altura de miras" para que se poida culminar un acordo que garanta o futuro para a planta de San Cibrao, xa que "hai terceiras empresas e provedores afectados pola súa falta de produción". 

No foro El Ágora organizado por El Economista, Maroto afirmou que agora é necesario "un marco de tranquilidade e paz laboral" para negociar a venda da factoría á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (Sepi), xa que "tamén hai outras plantas prexudicadas polo prolongación desa falta de acordo". 

A titular de Industria reiterou que o compromiso do Goberno co mantemento das capacidades produtivas e do emprego "está máis que referenciado", asegurando que agora hai que "sentar a negociar" para plasmar esa vontade de venda manifestada por Alcoa. 

Para iso, pediu "altura de miras" a todos os actores implicados nunha solución para Alcoa e destacou que hai unha sentenza que "dá tranquilidade" e que "marca un obxectivo compartido", que é que as cubas da factoría non se pararán e que ese conflito se converta en solucións". 

Así, mostrou a súa confianza en que, despois do intento errado de setembro, a vontade de Alcoa sexa que está vez "si vende a planta e póidase atopar unha solución a este conflito que dura xa demasiados meses".

COMPROMISO "INDISCUTIBLE" CON ABARATAR A FACTURA DA LUZ.  Por outra banda, Maroto afirmou que o compromiso do Goberno para abaratar a factura eléctrica tanto dos consumidores electrointensivos como dos domésticos é "indiscutible", ademais de garantir a cobertura para os consumidores vulnerables. 

Neste sentido, indicou que este Goberno leva traballando máis de dous anos e medio para garantir que a enerxía "sexa accesible", cunha rebaixa na factura dun 40% nese tempo. 

"E seguiremos traballando, xa que sen dúbida é un elemento de competitividade que nos preocupa e ocupa e demos as certezas para iso", dixo. 

Comentarios