A alcaldesa de Barreiros atribúe ao recorte da Xunta a falta de socorristas

Ana Ermida recorda que o servizo non é de prestación obrigatoria por parte dos concellos e que a situación é xeral en toda a costa lucense

2019071711481568456
photo_camera Vixiantes na praia de Fontela. IRIA L. V.

A falta de socorristas en praias de Barreiros non é unha carencia exclusiva do municipio, xa que afecta a toda a comarca debido á falta de profesionais para cubrir estes postos, e tamén ao recorte das subvencións concedidas pola Xunta. A alcaldesa barreirense, a nacionalista Ana Ermida, atribúe unha gran parte da situación actual á falta de compromiso da Administración autonómica. "Coa cifra de socorristas que temos non se dan cuberto todas as praias, polo que tiramos da lancha de apoio, que funciona como un auténtico salvavidas", dixo.

A rexedora explica que o número de vixiantes baixou desde os 22 existentes no concello durante a campaña do verán pasado ata os 14 actuais -seis destes contratados e financiados con fondos municipais e os oito restantes sufragados a cargo da axuda autonómica-. "A situación non ten que ver coa dos anos anteriores, en que tiñamos máis vixiantes, pero aínda así había praias sen socorristas e con un só, como Anguieira ou San Bartolo, pero este ano quixemos que como mínimo houbese dous por areal, agás nas fins de semana, en que se reforza o servizo".

A alcaldesa reitera que a carencia "vén dada pola situación xeral de que hai poucos socorristas e tamén polo feito de que A Xunta recortou os fondos de cooperación cos que se financian". Ermida engade que ademais o anterior goberno municipal "deixou sen organizar o servizo, sen contratar e a 17 de xuño pasado tivemos que afrontalo problema a tan só dez días do comezo do verán ao non quedar nada feito nin previsto. É un traballo que non se fai en 15 días nin nun mes", concreta.

A rexedora barreirense asegura que o seu goberno atopou o servizo sen organizar a dez días o verán e fixo o que puido

A mandataria barreirense considera que a deficiencia numérica ten a súa orixe na Xunta, que "terá que facer o posible para que esta situación se solucione". Isto levou ao novo equipo municipal a tratar de chegar a un consenso cos traballadores á hora de establecer a vixilancia, variando a mesma segundo as necesidades. O Concello fixou quendas de traballo para que os socorristas poidan descansar un día á semana, o que supuxo a supresión de horas extra e minguou as praias que dispoñen do servizo.

CON VIXIANTES. Isto motiva que os areais que contan con socorristas sexan os de Lóngara, Altar, San Pedro de Benquerencia e Coto. Esta última só ten atención os fins de semana, a máis diso situarse no mesmo o posto de primeiros auxilios. A vixilancia dos areais complétase coa embarcación zódiac que se despraza de xeito constante por toda a fronte costeira barreirense.

A alcaldesa sinala tamén que os bañistas que acoden a praias sen salvamento deben alertar ao 112, que se encarga de advertir aos medios necesarios para activar o servizo, de cuxa coordinación se ocupa o responsable do mesmo, segundo a rexedora.

Ana Ermida recorda que o servizo de socorrismo non é de prestación obrigatoria por parte dos concellos, aínda que estes contribúen na medida das súas posibilidades para achegar maior seguridade aos usuarios dos areais. En todo caso, sinala que as praias sen este servizo contan con sinalización relativa a que non dispoñen de vixiantes.

Ana Ermida recoñece así mesmo que no municipio existen varias praias con correntes, algo que non é unha novidade e que tamén afecta a areais situados noutros municipios do litoral mariñán. "Cada areal ten as súas particularidades", apunta a alcaldesa. Precisamente as correntes foron as causantes das incidencias rexistradas o domingo pasado, xornada en que seis bañistas resultaron arrastrados polo mar. O ocorrido na praia de Remior afectou a catro persoas, dado que tres veraneantes intentaron axudar a outro e tamén foron levados mar dentro, onde o persoal da zódiac puido salvalos. Ese areal non dispón de vixiantes, polo que atenderon a urxencia os de Coto. Os outros rescates foron en Lóngara e Coto.

Comentarios