Guerra de escritos entre os alcaldes da Mariña polas medidas contra o brote

Os dez que suman PSOE e BNG piden aprazar as eleccións e critican o protocolo da Xunta, que defenden os catro do PP
Alcaldes de PSOE y BNG firman la carta en Foz. AMA
photo_camera Unha urna. FERNANDO VILLAR (EFE)

As medidas adoptadas pola Xunta para frear o brote da Mariña enfrontou, a escasos días das eleccións autonómicas, aos alcaldes da comarca. Por unha banda, os dez que suman PSOE e BNG e, polo outro, os catro do PP. Os primeiros piden aprazar as eleccións do domingo e critican o protocolo da Xunta, unhas medidas que defenden os segundos, que atribúen a actitude dos seus homólogos a "intereses partidistas".

Foron socialistas e nacionalistas os primeiros en asinar un escrito no que solicitaban o "atraso" das eleccións autonómicas deste domingo nos seus municipios ata "garantir o exercicio do voto en condicións seguras e legais". 

Así o ratificaron tamén en declaracións a Europa Press, o alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, e o seu homólogo de Ribadeo, Fernando Suárez (BNG), que consideraron que os comicios deste 12 de xullo "non deben celebrarse" este domingo na Mariña. 

Por iso, os alcaldes socialistas e os do BNG da Mariña asinaron este documento nunha reunión este mércores para solicitar ao presidente da Xunta, o popular Alberto Núñez Feijóo, e á Xunta Electoral que o "atraso" dos comicios deste domingo debido ao brote de Covid-19. 

O rexedor de Burela reivindicou que "a Xunta asuma a súa responsabilidade e anule as eleccións" na Mariña porque "non hai motivación e confianza". "Aínda poden subir os casos. Están a facerse PCR a colectivos vinculados ao primeiro brote", destacou, para indicar que "non está controlado". 

Nesta liña, o nacionalista Fernando Suárez explicou que "como alcalde ten que estar por encima da política" pola súa "responsabilidade sobre os que os votan, votaron ou votarán". Por iso, cre "unha temeridade e ilegalidade consentir que mil persoa que, por prescrición médica están confinados, poidan ir a unha mesa electoral".

Respecto diso, comentou que as persoas que teñen que estar "12 horas en mesa electoral recibindo por centos de persoas" están expostas porque "pode ir xente co virus" para votar, feito que ve "intolerable". "Paréceme unha irresponsabilidade e temeridade", subliñou. 

Os rexedores populares lamentan que os seus homólogos xeren "un alarmismo inxustificado"
Horas despois foron os alcaldes do PP, que goberna en Cervo, O Vicedo, Mondoñedo e Xove, os que responderon con outro comunicado. Alfonso Villares, Jesús Novo, Manuel Otero e Demetrio Salgueiro asinan un escrito no que confirman "a súa vontade de máxima dispoñibilidade" coas autoridades sanitarias e o seu apoio ás medidas adoptadas.

Os rexedores populares destacan que  Sanidade ofrece "información diaria, efectiva e completa" sobre a evolución do rebrote. Tamén lamentan que "un grupo de alcaldes estean aproveitando para  xerar un alarmismo inxustificado, con fins claramente electorais, co obxecto de condicionar  dun xeito partidista" as eleccións do domingo.

Consideran "especialmente grave" a súa actitude tras a "lealdade" que, ao seu xuízo, mantiveron todos os alcaldes desde que comezou pandemia e mentres durou o mando único do Goberno. Ademais, consideran que esta "actitude alarmista" pode provocar un dano económica "irreparable" á comarca e a moitas empresas e comercios. 

Os alcaldes do PP tamén afirman que se lles está pedindo unha "colaboración proporcionada" e no ámbito das súas competencias e reiteran que os "sucesivos pronunciamentos" da xunta electoral avalan os protocolos sanitarios establecidos na Mariña.

Comentarios