O alcalde de Ribadeo freou dous prostíbulos, en Rinlo e na vila

Un que pretendía instalarse en pleno centro histórico estaba a piques de empezar a funcionar cando tivo que pechar
Una mujer en un prostíbulo.AEP
photo_camera Unha muller nun prostíbulo.AEP

O peche do club de alterne Eros na zona de Pozomouro tras impedir a súa reapertura a alcaldesa de Barreiros Ana Ermida, por mor dunha serie de incumprimentos administrativos, non foi o único que se deu na zona da Mariña Oriental, xa que con anterioridade o alcalde ribadense, o tamén nacionalista Fernando Suárez actuara de forma moi parecida conseguindo pechar dous prostíbulos.

Un deles estaba moi próximo á localidade de Rinlo e levaba anos funcionando.

O outro estaba a piques de entrar en funcionamento e atopábase situado en pleno centro histórico da vila ribadense, a escasos dez metros da biblioteca municipal.

O negocio estaba tan a piques de entrar en funcionamento que de feito xa presentaba unha serie de bandeiras no exterior e incluso comezara a xerar algún enfrontamento cos veciños.

COORDINACIÓN. Nese caso, Suárez Barcia, ante a inminencia de que ía atoparse cuns feitos consumados chegou a coordinarse con axentes da Policía Nacional e ordenou unha especial vixilancia aos da Policía Local.

Todo iso combinado cunha serie de esixencias administrativas que lle puxo o Concello ao que era o promotor fixo que finalmente non conseguisen a licenza para poder funcionar de ningún modo .

Comentarios