O alcalde de Foz substitúe o de Burela á fronte da Mancomunidade

Fran Cajoto márcase entre os seus obxectivos consolidar A Mariña como xeodestino turístico, así como a promoción da súa gastronomía e o produto local
Fran Cajoto. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Fran Cajoto. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O alcalde de Burela e ata agora presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, anunciou  tras o pleno do ente comarcal que se celebrou este martes en Burela que abandona a presidencia para dedicarse ao cento por cento ao Concello. No seu lugar entrará o rexedor de Foz, o tamén socialista, Fran Cajoto. "Despois de nove meses en funcións no Concello hai moitas cousas pendentes en Burela das que se hai que facer cargo e quero dedicarme en todo posible aos asuntos municipais", asegurou Llano, que subliñou que "é bo que haxa movemento" na presidencia do organismo.

Llano chegara a presidir o ente en 2015, logo de gañar as eleccións municipais daquel ano en Burela e para suceder no cargo ao entón alcalde de Barreiros, o popular Alfonso Fuente.

Llano permanecerá como vicepresidente durante un tempo prudencial para favorecer o traspaso e colaborar coa nova presidencia antes de abandonar o ente definitivamente.

O rexedor focense suma así unha nova responsabilidade tras recuperar a alcaldía de Foz para o PSOE nas eleccións do pasado mes de maio. Cajoto destacou o traballo realizado polo seu predecesor e xa avanzou que entre os seus obxectivos está consolidar A Mariña como geodestino turístico, así como promocionar a gastronomía e o produto local. 

Comentarios